A segunda edición de ‘O Mellor da Terra’ avala a vocación de continuidade da feira batendo o récord de asistencia do ano pasado: unhas 35.000 persoas pasaron pola carpa da Praza de España esta fin de semana

138

A II Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers, foi un rotundo éxito tanto no que atinxe a facturación dos 37 expositores participantes como no que se refire a número de visitantes. O evento feiral presentou así os avais para a súa continuidade en futuras edicións dentro da programación anual do Concello, batendo o récord de asistencia da feira de 2021: unhas 35.000 persoas (5.000 máis que nesa primeira edición) pasaron pola carpa de 50 metros instalada na Praza de España ao longo desta fin de semana.


“Xa desde o venres a mediodía, cando comezabamos o paseo inaugural polos postos e a carpa levaba apenas unha hora aberta, podiamos comprobar que o fluxo de xente era constante e que había moita xente mercando. E diso se trataba, de que se achegasen para ver e degustar produto do noso, local, de proximidade, galego e da comarca. Os organizadores están contentísimos de que se tivese superado con creces a cifra do ano pasado e iso indícanos que temos que comezar a traballar xa nunha terceira edición da feira O Mellor da Terra”, asegura a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.


Tal e como subliña a edil socialista, “é evidente que a cidadanía de Pontevedra resposta sempre a este tipo de eventos e que lles encantan, e tamén que o emprazamento na Praza de España, nunha carpa como esta, é inmellorable e axuda a que a xente deguste e merque”. Para Blanco, “é fundamental que axudemos aos nosos pequenos produtores, que non sempre poden chegar ao circuíto das grandes cadeas de alimentación, e esta feira é unha forma de visibilizarse e darse a coñecer”. “Estou moi contenta co resultando e iso anímame a seguir traballando xa para a seguinte edición”, afirma a concelleira.