Catro empresas presentan as súas ofertas para acometer as obras de impermeabilización da cuberta do Pavillón Multiúsos da Xunqueira

80

Catro empresas presentaron ao Concello as súas ofertas para acometer as obras de tratamento da cuberta do Pavillón Multiúsos da Xunqueira coa finalidade de dotala dunha impermeabilización que evite os problemas de entrada de augas pluviais padece o edificio. En concreto, unha vez rematado o prazo de presentación de propostas, optan a facerse coa adxudicación deste proxecto as firmas Constructora e Ingeniería Messi SL (Construcciones CIM), Impervelper SL, Sodein Soluciones Integrales SL e Zona de Obra O Rosal SL.


As actuacións no edificio polideportivo construído en 1986 e situado no campus universitario (na rúa Celso Emilio Ferreiro), cunha superficie total construída de 3.269 metros cadrados, planta baixa destinada a pistas deportivas, vestiarios e ximnasio, e primeiro andar no que se disporá unha zona de público e aseos, contan cun orzamento base de licitación de 172.495,85 euros.


O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, sinala que “o principal obxectivo do proxecto, que ten un prazo de execución de tres meses desde o seu inicio, é a reparación integral da cuberta do Pavillón, realizada con panel sándwich”. Para levala a cabo procederase á retirada dos canalóns e baixantes de chapa de aluminio actuais, a limpeza de toda a cuberta con auga a presión para eliminar musgos e suciedade, o selado das xuntas de unión de paneis, o revestimento con Hyperdesmo Poliurea HC en toda a superficie ata acadar un espesor de 1,6 mm de lámina elástica impermeable, a aplicación de verniz protetor de raios UV e a colocación de novos canalóns e baixantes.