O Concello estrea a súa nova marca institucional

399
 A auga a pedra, a ponte romana do Burgo e as antigas torres da muralla recollen a historia da Boa Vila nesta reinvención que aposta pola modernidade e a simplificación de todos os  elementos que conformaron os antigos deseños
Nos vindeiros meses, a nova imaxe irá ocupando todos los lugares que lle corresponde, desprazando a antiga marca e sendo recoñecida como propia pola veciñanza

O Concello de Pontevedra conta desde hoxe cunha nova marca institucional. A ‘lentella’ creada por Torné, logo de dúas décadas de uso, dá paso a un deseño renovado e simplificado, moderno e actual, que acollerá baixo o seu paraugas simbólico e a súa base ao resto de identidades e marcas da institución pública.

A nova marca foi presentada na Ponte do Burgo, lugar onde tamén se situaron catro monolitos que recollen boa parte do proceso creativo liderado por Cenlitrosmetrocadrado, o estudio santiagués responsábel da súa concepción, e que permite coñecer os elementos que definen esta nova imaxe institucional, amais de afondar nos diferentes procesos que a integran: a tipografía, o imagotipo, as aplicacións futuras…

Non foi casualidade a escolla deste espazo, pois cristaliza esa unión entre pedra e agua, elementos que os antigos canteiros chamaban Arria oreta, e que dá nome ao concepto proposto polos creadores desta renovación e que lles abriu a porta a gañar o concurso público proposto polo Concello de Pontevedra.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que a nova marca é «moderna, clara e elegante», e servirá para «mellorar a comunicación coa veciñanza» pois poderá identificar Pontevedra e todos os seus proxectos, accións e áreas baixo unha mesma bandeira, moi recoñecíbel e simplificada.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, explicou que o novo símbolo define ben a unha cidade «que se transforma e innova», amais de sinalar a necesidade de proceder cunha reinvención deste tipo, perante a modernización global.

Na práctica, ao longo dos vindeiros meses a veciñanza poderá comprobar como, aos poucos, a nova imaxe corporativa vai conquistando todos os espazos institucionais da Boa Vila. Nese sentido, a xente irá comprobando como a comunicación externa, o aviso de eventos e mesmo a comunicación en Redes irá aventurando cambios e mudanzas, coa idea de manter unha liña uniforme, que permita de xeito claro identificar todo aquilo do que o Concello de Pontevedra forma parte, fomenta ou crea.

Nese sentido, o traballo de Cenlitrosmetrocadrado non se limita só a creación do que podería ser definido como ‘logotipo’. O estudio tamén lle fai entrega ao Concello de Pontevedra do seu primeiro Manual de Marca ou Libro de Estilo, un documento rigoroso e de enorme traballo que permitirá aplicar de xeito continuo e a todos os niveis a nova imaxe corporativa, e que recolle todas as aplicacións posíbeis e o xeito de facelas: rotulación de vehículos oficiais, sinalética da cidade, papelería…

Rircado Tubío, representante do estudio santiagués, estivo tamén na presentación da imaxe, aproveitando a ocasión para comentar algúns dos aspectos básicos do novo símbolo, como o uso dos elementos orixinais que representan o municipio, como son o escudo de medio punto, semicircular; a auga do río Lérez, a ponte do Burgo e a antiga muralla, presente en forma de torres defensivas. Tubío agradeceu o proceso selectivo polo que optou o Concello, transparente e claro, e segundo as súas propias palabras «exemplar e pioneiro».