Benestar Social desenvolverá este sábado pola noite no Recinto Feiral e as zonas de marcha de Pontevedra unha nova intervención para previr o consumo de substancias aditivas entre a mocidade

31

A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, desenvolverá este sábado 5 de febreiro no contorno do Recinto Feiral e nas distintas zonas de marcha da cidade, entre as 22:00 e as 2:00 horas, unha nova intervención enmarcada dentro do proxecto #Aquexogas?, un programa autonómico de prevención do consumo de substancias aditivas en espazos de lecer nocturno e de botellón entre a poboación moza, impulsado pola Consellería de Sanidade en colaboración co Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas do Concello e a empresa Marexada. Trátase dunha acción de rúa informativa de carácter itinerante na que se traballan diversas dinámicas educativas que teñen como finalidade evitar e reducir o inicio e a consolidación do consumo de substancias psicoactivas e o impacto das consecuencias e problemáticas que este consumo produce na poboación xuvenil.


O programa inclúe os seguintes talleres:


– ‘Ola, propóñoche un reto!’: esta actividade contémplase como un primeiro contacto cos participantes, aos cales se lles proporá un xogo de preguntas tipo Trivial, con temáticas como os efectos secundarios das substancias, relacións sexuais, seguridade viaria, violencia, intoxicación e interaccións.


– ‘Antes de consumir, asegúrate do que NON sabes’: que ten como finalidade verificar a información que os mozos teñen sobre o consumo de substancias psicoactivas e desterrar falsos mitos acerca do mesmo. Para iso proponse como dinámica un xogo de preguntas empregando a plataforma Kahoot.


A maiores, ao longo da intervención encheranse enquisas anónimas para acadar datos estatísticos sobre o consumo de substancias entre a mocidade pontevedresa, distribuiranse flyers con información sobre diferentes drogas (procedencia, consecuencias, mitos…) e repartirase merchandising cos logotipos do programa (camisetas, pulseiras, chapas…). As accións deste programa estanse a levar a cabo tanto con puntos fixos, mediante a instalación dunha carpa con paneis informativos, como de maneira itinerante, a través de rutas que as educadoras protagonizan polos lugares de concentración da xente nova.


O concelleiro Marcos Rey subliña que “a educación e a concienciación xogan un papel esencial para frear a aparición de problemas de saúde pública vencellados ao lecer nocturno e ao fenómeno do botellón na nosa mocidade”. Neste eido, o edil do PSOE lembra que, á marxe do programa #Aquexogas?, o Concello de Pontevedra leva xa máis de 20 anos traballando en centros escolares a través do Plan de Prevención de Condutas Aditivas, “con obradoiros de prevención do abuso de alcohol na mocidade”.