A Concellería de Educación adxudica o contrato para as obras de mantementos dos colexios de Pontevedra ás firmas ‘Actividades de construcción, edificación y viajes SL’ e ‘Planificación, desarrollo y gestión de construcciones SA’ cunha achega económica de 661.157 euros

154

A Mesa de Contratación celebrada esta mañá no Concello de Pontevedra adxudicou ás empresas ‘Actividades de construcción, edificación y viales SL’ e ‘Planificación, desarrollo y gestión de construcciones SA’ o contrato para realizar as obras de mantemento dos colexios públicos de Educación Infantil e Primaria e as garderías do noso municipio. O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, explica que o seu departamento destinou “unha achega económica de 661.157,04 euros a esta contratación, realizada en dous lotes diferenciados (centros educativos da zona Norte e centros da zona Sur) e que, á hora de adxudicarse, tivo en conta criterios como a organización do servizo, o prazo de resposta ante as necesidades ou o procedemento de seguimento e trazabilidade dos traballos”.


“En concreto -sinala o edil do PSOE-, o mantemento dos colexios do lote 1, os que están ubicados ao norte do termo municipal, foille adxudicada a ‘Actividades de construcción, edificación y viales SL’, e o dos centros escolares do lote 2, situados ao sur do termo municipal, a ‘Planificación, desarrollo y gestión de construcciones SA’. Ámbalas empresas dispoñen agora dun prazo de sete días hábiles (a contar desde o seguinte a aquel en que se reciba a notificación do acordo da Mesa de Contratación) para achegar a documentación prevista no prego de cláusulas que rexe o contrato, entre as que se atopa a constitución da garantía definitiva correspondente ao 5% do orzamento base de licitación do lote que corresponda. A partir de aí, a proposta poderá levarse xa a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación”.


Tal e como aclara Tino Fernández, “considérase que a solución máis viable de división en lotes do contrato proposto consiste na creación de dúas zonas xeográficas, colexios situados ao norte e situados ao sur do termo municipal de Pontevedra, asignando a cada un dos lotes a mesma cantidade de colexios e diñeiro para o desenvolvemento das obras de mantemento”. A duración do contrato esténdese ate o ano 2024 (incluído), contemplándose a posibilidade dunha eventual prórroga a partir de 2025.

A relación dos colexios que se propuxo para cada lote sería a seguinte: 


COLEXIOS SITUADOS AO NORTE DO TERMOMUNICIPAL DE PONTEVEDRA (LOTE 1): CEIP Froebel, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Xunqueira I, CEIP Xunqueira II, EEI Fina Casalderrey, CEIP Marcos da Portela, CEIP Parada Campañó, CEIP Santo André de Xeve, EEI Verducido, CEIP San Bieito de Lérez e EEI Monteporreiro.


COLEXIOS SITUADOS AO SUR DO TERMOMUNICIPAL DE PONTEVEDRA (LOTE 2): CEIP Álvarez Limeses, CEIP Campolongo, EEI Crespo Rivas, CEIP Praza de Barcelos, CEIP San Martiño-Salcedo, CEIP Cabanas-Salcedo, CEIP Carballeira-Lourizán, CEIP Ponte Sampaio, CEIP Vilaverde-Mourente, CEIP Marcón e EEI A Parda.