O Concello porá en marcha o vindeiro luns unha nova campaña de educación viaria polos centros escolares de Pontevedra

12
O obxectivo da acción formativa é que as crianzas coñezan as normas básicas de circulación e entendan como funciona a Boa Vila neste eido
A campaña durará até o final do curso escolar e asegura unha formación que entra de xeito directo na prevención de accidentes e do uso responsábel do espazo público

A nova campaña de formación en educación viaria da Policía Local comezará o vindeiro luns, 31 de xaneiro, no CEIP Parada-Campañó. Recuperando a imaxe da campaña para a ordenanza de mobilidade amábel do Concello de Pontevedra, búscase «levar o modelo ás aulas», tal e como sinalou a concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde.

«É unha adaptación da normativa que temos na cidade á súa linguaxe, á dos nenos e nenas. O obxectivo é que entendan que esta é a súa vila, que entendan o funcionamento de Pontevedra, das súas rúas e dos seus espazos públicos; por que é segura e amábel para eles e como deben facer para que así siga sendo», explicou Vilaverde. 

Amais de tratar os elementos xa citados, a área de Protección e Seguridade Cidadá tamén quere achegar até as crianzas coñecementos sobre a importancia da Policía Local no propio desenvolvemento e funcionamento da cidade, tanto desde o punto de vista do control como do da prevención. «Aquí damos un paso adiante, ao ver a educación viaria como un medio máis para a prevención dos malos usos ou as malas prácticas dentro de Pontevedra».

A campaña vai estar dirixida na súa primeira fase a nenos e nenas de Primaria, concretamente de sexto curso, e será desenvolvida desde este luns, 31 de xaneiro, até finais do curso actual, aló polo mes de xuño. Terá un alcance próximo aos 1.000 nenos. Amais da do CEIP Parada-Campañó, xa están pechadas outras citas nestes primeiros quince días de campaña, como nos CEIP San Xosé, Álvarez Limeses, Barcelos, Daría González, Doroteas e Marcos da Portela, polo momento.

Vilaverde fixo fincapé na boa acollida que ten esta campaña entre os centros de ensino, sexan do centro urbano ou da contorna rural.  

A actividade en si consta de dúas partes, sendo a primeira unha parte teórica, de charlas de 50 minutos —unha clase— onde se comentan as normas de circulación e de seguridade básicas para abrir a porta dunha convivencia mellor. A segunda parte, pola súa banda, é práctica e dura unha hora e media. É máis flexíbel ca primeira, dependente de cada centro, e ten un carácter práctico, onde os nenos e as nenas son os protagonistas e aprenden a pé de rúa a entender conceptos como aparcar de xeito incorrecto ou a cruzar de xeito responsábel. A continuación, pasarán a ser eles e elas os condutores —en bicicletas, patinetes ou vehículos semellantes—, e aprenderán in situ como deben circular de xeito correcto para mellorar a seguridade de seu e a allea. No caso de non ter vehículo propio, o Concello facilitaraslles un para poder proceder coa actividade xunto co resto de compañeiros.

Finalmente, unha vez superado todo o curso, e rematada a campaña, a Policía Local acreditará esta formación en educación viaria a todos os nenos a través dun diploma e mesmo unha tarxeta que demostrará que «son uns pontevedreses e pontevedresas que coñecen o funcionamento de xeito exemplar»