A Concellería de Deportes destinará máis de 375.000 euros ao proxecto de reforma integral e modernización da nave de deportes náuticos situada no Peirao das Corvaceiras

347

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, vén de asinar a proposta de sinatura do protocolo para a reforma integral e modernización da nave de deportes náuticos situada no Peirao das Corvaceiras, destinada a sede da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e mailo Club de Salvamento Acuático de Pontevedra (Sapo). Deste xeito, o edil socialista eleva á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación este acordo de colaboración entre o Concello e a Escola de Piragüismo, que unha vez asinado, abrirá a vía para que Portos de Galicia lle renove ao club a concesión para a xestión destas instalacións, emprazadas dentro de Dominio Público Portuario.


Tal e como sinala Tino Fernández, “a nave de deportes náuticos de As Corvaceiras atópase vetusta, moi deteriorada polo paso do tempo e non reúne actualmente as condicións para satisfacer as necesidades que teñen ámbolos clubs”. “A través deste protocolo determínanse o custo e o financiamento das obras necesarias para conservación, rehabilitación e reforma integral destas instalacións -subliña o tenente de alcalde-, garantindo a seguridade das persoas usuarias e o mantemento do seu uso deportivo sen ánimo de lucro para o fomento da práctica deportiva e demais deportes náuticos. En base a este acordo, o Concello aporta unha memoria valorada cun programa de necesidades elaborada polo Servizo de Deportes e unha valoración económica realizada polo Servizo de Arquitectura, destinando unha achega económica de 375.170 euros a este proxecto para reformar as vellas instalacións e dotalas de servizos modernos e espazos que dean resposta ás necesidades dos clubs”.


Deste xeito, o Concello de Pontevedra comprométese a entregar á Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra un proxecto de execución, así como unha subvención polo importe de dito proxecto, correspondéndolle ao club a contratación e dirección dos traballos. Segundo aclara Tino Fernández, “todo isto condicionado a que Portos de Galicia lle renove á Escola de Piragüismo a concesión e a amplíe a un prazo de tempo que amortice o investimento”. “Estamos a falar dun mínimo de 20 anos -matiza o edil do PSOE- e un máximo de 50, que é o tope que permite a Lei de Portos de Galicia”.


Fernández avanza que o asunto xa foi incluído na orde do día da Xunta de Goberno Local que se celebrará o vindeiro luns 31 de xaneiro.