Bea Gregores ilustrará o cartaz do XXIII Salón do Libro “Con moita arte” que homenaxerá a Marica Campo e Xosé Cobas

192
  • A proposta da ilustradora viguesa, que xa se presentara en anteriores edicións, foi seleccionada entre 39 porfolios de artistas galegos/as ou afincados en Galicia
  • O sábado 26 será a data escollida para a homenaxe á escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas que participarán tamén da programación do Salón, do 11 ao 27 de marzo.

A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou esta mañá a que será a ilustradora do cartaz da XXIII edición do Salón do Libro – Bea Gregores, quen acudiu presencialmente á rolda de prensa – e desvelou os nomes dos homenaxeados: Marica Campo e Xosé Cobas. “Veño hoxe con 3 nomes propios de 3 talentos tres talentos creativos que terán moito que dicir nesta XXIII edición do Salón: Bea Gregores que me acompaña neste momento, Marica Campo e Xosé Cobas, que son as persoas que van a protagonizar esta comparecencia. 3 persoas moi importantes cada unha no seu ámbito e de xeracións moi diferentes como Bea, que ten 26 anos e por outra banda, ambos homenaxeados con contraxectorias consolidades e moi prolíficas. Todos eles responde moi ben ao que queremos transmitir no XXIII Salón do libro, centrado na arte e a creatividade.

A primeira é Bea Gregores, que  será a ilustradora encargada de facer o cartel do Salon do Libro na edición de 2022. Gañadora de diversos premios no mundo da ilustración e do cómic, como o Primeiro Premio La Palabra Pintada, categoría artista nova, e o Primeiro premio Xuventude Crea na sección de Banda Deseñada, foi escollida entre un total de 39 propostas de portfolios recibidos, seguindo o camiño iniciado o ano pasado no Salón de facermos un chamamento a creadores e creadoras galegas a enviar os seus dossiers de ilustración para candidatarse a facer o cartel“.

“Animo á xente a perseguir os desexos que se teñen, porque ás veces cúmprense“, remataba Carme antes de ceder a palabra a Bea, facendo referencia a que se presentara 4 veces antes de ser seleccionada.

A ilustradora viguesa, que ten moito vínculo con Pontevedra por ter estudado aquí Belas Artes e posteriormente o Mestrado de Ilustración e Animación Audiovisual, manifestou o seu desexo de vir vivir á cidade e a ledicia de ser escollida par crear a imaxe do Salón logo de varios intentos. “ A arte, a creatividade, tema do Salón deste ano, están moi vinculadas ao meu traballo. Na proposta que teño na cabeza tentarei transmitir todas as ramas da arte, literatura, escritura, música e todo do que poderemos gozar no Salón.“

Fouces continuo a rolda falando da imporancia de render homenaxe “ás persoas que conseguiron que o Salón sexa o que é hoxe en día“ e descubriu o nome de Marica Campo como homenaxeada no eido da palabra, detacando que “aínda que empezou a publicar nos 90, xa de antes era unha muller con moita creatividade ata que deu o paso. Unha figura feminista, profesora e divulgadora da lectura, comprometida co país“. No seu extenso currículo que vos deixamos máis abaixo, Fouces destacou a obra NosOutras con ilustracions da artista Menchu Lamas, Premio Rosalía de Castro 2021  ao libro mellor editado e como curiosidade, o seu traballo escribindo cancións para Fuxan os ventos.

Salientando que ademáis de con palabras as historias se contan con imaxes, Fouces destacou o peso da ilustración, especialmente no eido da literatura infantil onde destaca o que será o homenaxeado Xosé Cobas, que destacou no mundo da pintura pero tamén no da ilustración, onde, en 35 anos nos que recibiu numerosos premios, conta con 220 libros ilustrados. Os seus dous últimos teñen moita vinculación coa nosa cidade: “O pintor cego” con texto de Xabier Docampo, foi editado por Kalandraka e “O xenio da cidade do sal” parte dun texto da escritora pontevedresa e boa amiga do Salón Fina Casalderrey, recentemente editado por Xerais. Contamos que no Salón presente unha obra que ten estes días no prelo. Tanto Marica Campo como Xosé Cobas terán o seu día de homenaxe o vendeiro 26 de marzo, no Salón, contarán cunha exposición da súa obra no Pazo da Cultura e participarán en actividades como presentacións de libros, conferencias e encontros lectores con alumnado da nosa cidade.

Currículos

Bea Gregores nace en Vigo pero ten unha grande vinculación con Pontevedra, xa que foi aquí onde estudiou Belas Artes e o Mestrado de Ilustración e Animación Audiovisual. Foi gañadora de diversos premios no mundo da ilustración e do cómic, como o Primeiro Premio La Palabra Pintada, categoría artista nova, e o Primeiro premio Xuventude Crea na sección de Banda Deseñada, ademais de participar e comisariar varias exposicións. Actualmente traballa como ilustradora editorial en Galicia e malia a ser moi nova ten xa unha importante pegada no mundo da ilustración, con obras como “A lavandeira de San Simón” e “Douche a miña palabra”(Xerais). “Bicos e non balas” e “A Caca cuca” (Galaxia), “Emilia Pardo Bazán, Unha mente poderosa” (Bululú Edicions), entre outras. Xa participou en edición anteriores do Salón formando parte de exposicions de ilustración, con obradoiros plásticos e hai dous anos quedou finalista no concurso de Ilustración.

*Marica Campo (O Incio, Lugo, 1948)

Foi escritora desde ben nova, ainda que non empezou a publicar ata o ano 1987. Poeta, dramaturga e autora destacada de obras infantis e xuvenis, agasallounos tamén con fermosísimas letras de cancions míticas de Fuxan os Ventos. Ten obras tan recoñecidas como “Confusión e morte de María Balteira”, “Pedinche a luz prestada “ (obra que recibiu o I Premio Fiz Vergara Vilariño) ou “Memoria para Xoana” (2002).

No ámbito da LIX destacan “Noutra Dimensión” (Galaxia), “E Xoel aprendeu a voar” e “Unha misión para Clara” (Oqueleo) e a súa obra máis recente, o poemario infantil “NosOutras”, con ilustracions da artista Menchu Lamas, recibiu o ano pasado o Premio Rosalía de Castro  ao Libro Mellor Editado. Outros dos galardóns que votivo son:

  • Mención de Honor de O Facho en 1983, por O Premexentes non pode cos paxaros rebezos ou Memorias dun Escribano.
  • Premio de Poesía Concello de Vilalba no 1998, por Catro lúas e a da morte
  • Premio de Narrativa Concello de Vilalba no 2001, por Memoria para Xoana.
  • Premio da III Edición Arume de Poesía para nenos no 2006, por Abracadabras.
  • Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Literatura Infantil e Xuvenil no 2007, por Abracadabras.
  • Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Poesía

Xosé Cobas (Negreira, A Coruña en 1953)

Aínda que procede do ámbito da pintura, en 1977 fixo a súa primeira exposición, destacou no ámbito do deseño gráfico e, sobre todo, da ilustración, cunha nómina de nin máis nin menos que 220 libros ilustrados. O seu primeiro traballo de ilustración do libro infantil foi en 1987: “A nena de auga e o príncipe de Lume”, con texto de Xabier Docampo. Este ano 2022 cumple 35 anos no mundo da ilustración infantil. Nestas máis de tres décadas non parou de crear, no eido da pintura e a ilustración e tamén no ámbito do deseño gráfico, desde o seu posto de traballo na  área de deseño da Deputación da Coruña, onde traballou desde 1991 ata a súa recente xubilación.

Tivo unha importante nómina de premios e recoñecementos ao seu traballo, entre os que destacan:

– White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic 2003, 2005 e 2019

– World Cookbook Awards ao mellor libro de literatura gastronómica en

– Seleccionado para representar a España na BIENAL INTER-NACIONAL DE BRATISLAVA, anos 2003 e 2007.

– Seleccionado para representar a España en ILLUSTRAZIONE E GRAFICA, Italia.

– Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado en Galicia no ano 2008.

– Seleccionado para representar a España no Congreso Iberoamericano de Ilustración en 2013 (Colombia).

– Premio Neira Vilas 2014 co álbum “A pantasma da casa da Matanza”.

– Elixido por Fervenzas Literarias:

— Mellor ilustrador do ano 2015.

— Mellor capa de libro para adultos  “O último día de Terranova” de Manuel Rivas, 2015.

– Mellor Libro ilustrado na Gala do Libro Galego 2016

– Seleccionado para representar a España na Bienal Internacional de Bratislava en 2017.

Os seus dous últimos teñen moita vinculación coa nosa cidade:

“O pintor cego” con texto de Xabier Docampo, foi editado por Kalandraka e “O xenio da cidade do sal” parte dun texto da escritora pontevedresa e boa amiga do Salón Fina Casalderrey, recentemente editado por Xerais.