O creador de Fitur LGBT+ ofrécese a asesorar á Concellería de Igualdade na organización da Semana do Orgullo de Pontevedra

70

A intensa axenda de reunións desenvolvida durante a Feira de Internacional Fitur 2022 (que hoxe chega ao seu fin) pola concelleira de Turismo e de Igualdade, Yoya Blanco, e o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, continúa a dar bos froitos en diversas áreas e proxectos municipais. Así, os edís socialistas aproveitaron a súa estancia no Ifema para achegarse ata o Pavillón de Fitur LGBT+ e manter unha xuntanza co seu creador e organizador durante moitos anos, Juan Pedro Tudela, cofundador de Diversity Consulting e unha das figuras máis influíntes dentro do colectivo en España.


Durante o encontro, Blanco explicoulle a Tudela as accións desenvolvidas polo seu departamento en Pontevedra con motivo da Semana do Orgullo, cunha vertente moi cultural e reivindicativa a través do programa Pinto e Maragota e “iniciativas que tiveron unha fantástica acollida, como as boas de cores e as letras luminosas no balcón do Consistorio ou as marabillosas intervencións artísticas do meu compañeiro Iván Puentes co proxecto dos Xardíns que Falan”. Non obstante, a concelleira de Igualdade comunicoulle ao creador de Fitur LGBT+ a súa intención de “dar un paso máis na conmemoración desta data, converter a Semana do Orgullo nunha semana de festa e celebración e organizar o primeiro Desfile do Orgullo de Pontevedra en canto a pandemia nolo permita”.


Juan Pedro Tudela, ao que Blanco e Puentes agasallaron cunha das bolsiñas promocionais con produtos de Hifas da Terra que Turismo de Pontevedra levou a Fitur, recolleu a luva da concelleira socialista, amosou un grande interese na proposta da nosa cidade e ofreceuse a visitar Pontevedra e a empregar toda a súa experiencia para “asesorar na organización deste primeiro Desfile do Orgullo” á Concellería de Igualdade e axudar a encher Pontevedra de cores e do “espírito festivo que debe caracterizar ao Orgullo”.