O ‘forno da diversión’ de O Ganapán preparará esta fin de semana pepas caseiras e donuts de cabaciño e queixo

5

O ‘forno da diversión’ do programa de lecer infantil O Ganapán funcionará esta fin de semana a pleno rendemento cunha receita que, unha vez máis, conxugará a cociña máis deliciosa e as manualidades máis creativas. Así, a iniciativa impulsada no Gastroespazo do Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo proponlles aos nenos e nenas de 4 a 10 anos para este sábado 14 de xaneiro a elaboración dunhas pepas caseiras, unhas galletas moi saborosas recheas de marmelo, doce de leite ou chocolate e nas que o contraste da masa co recheo a converten nun bocado irresistible, e a confección dun orixinal reloxo con pezas feitas a man, únicas e personalizadas.


Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “o divertimento continuará o domingo 16 de xaneiro cun taller no que os pequenos poderán cociñar un donuts salgados de cor verde, saborosos e perfectos para unha merenda ou unha cea lixeira”. “O Espazo Crea ofrece unha actividade na que os cativos serán encantadores dunhas fermosas serpes que eles mesmos crearán”, sinala a edil socialista.


Como vén sendo habitual haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e todos aqueles que queiran participar deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración dos talleres.