A Concellería de Educación comeza a narrar a historia contida nos murais do programa O Teu Cole na Historia a través de obradoiros divulgativos que incluirán debuxo e música en directo

103

Unha vez que o equipo creativo de Polo Correo do Vento (Kike Mauricio e Carlos Taboada) foi quen de plasmar en murais algunhas das personaxes, contornos naturais e elementos patrimoniais que marcan a identidade dunha vintena de centros educativos, o programa municipal O Teu Cole na Historia, impulsado pola Concellería de Educación, entrará a vindeira semana nunha nova fase. O departamento que dirixe o tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, porá en marcha uns obradoiros divulgativos dirixidos ao alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria destes colexios, que xirarán en torno á historia das intervencións artísticas e que incluirán narración oral e debuxo e música en directo (coa colaboración do músico Antón Ke).


O primeiro dos talleres terá lugar o vindeiro luns 17 de xaneiro ás 10:00 horas do CEIP A Carballeira (Lourizán), onde O Teu Cole na Historia deixou un fermoso mural protagonizado polas mariscadoras, o Pazo de Lourizán e o trolebús. Tal e como indica Tino Fernández, que se achegará ata o centro educativo para pechar este obradoiro inaugural, “nun primeiro lance, coa peza pictórica como referencia, os obradoiros desenvolvidos por Polo Correo Vento e Antón Ke contarán a historia do propio colexio, narrando que había antes, cando non existían nin sequera as aulas (nas proximidades do CEIP Álvarez Limeses existía, por exemplo, nos anos 30 do século pasado o Campo do Progreso, no que se xogaba a fútbol e hockey feminino), o que temos agora de valor na nosa contorna (moi cerca da EEI Fina Casalderrey existiu o Balneario do Lérez, centro de lecer e xuntanza das máis prestixiosas personalidades da época), o noso patrimonio material (dentro do CEIP A Carballeira podemos atopar gravados rupestres coñecidos como o petróglifo de Comboa / A Carballeira) e inmaterial (o peculiar entroido de Marcón xa desaparecido que ten moito protagonismo no mural do colexio da parroquia), quen fixo un traballo de relevo na zona (oficios tradicionais como as leiteiras e canteiros de Xeve e Verducido), ou  por que se chama así o noso centro (que sabemos da vida e traballo de Daría González, Concepción Crespo Rivas ou Manuel Vidal Portela?)…”. “Cada colexio é diferente -asegura o tenente de alcalde- e ao mesmo tempo mantén moitas conexións cos outros vinte ata formar un mapa conxunto da historia e actualidade da educación en Pontevedra”.

Na segunda parte dos talleres, realizarase unha actividade axeitada a cada idade escolar, na que os alumnos debuxarán un detalle do seu propio mural.


Actualmente xa contan con murais de O Teu Cole na Historia os CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.