Aprobada unha nova convocatoria para a rehabilitación de edificios e vivendas privadas en Estribela e no casco histórico

118
As axudas financiarán entre o 35 e o 45 % dos proxectos, contando cun crédito total de 352.965,60 euros, derivado dos remanentes de pasadas convocatorias

A concelleira e portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu esta mañá para dar conta da aprobación en Xunta de Goberno Local dunha nova convocatoria para este ano 2022 das axudas á actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral (ARI) do núcleo de Estribela e do conxunto histórico de Pontevedra.

Ao longo dos últimos anos e diferentes convocatorias, foron quedando algúns remanentes que agora son xuntados e dan pé a un novo conxunto de axudas. Os servizos técnicos municipais fixeron unha addenda para poder solicitar todos eses sobrantes e ofrecer unha axuda a todas as persoas que así o quixer e optar a unha serie de subvencións que teñen como obxectivo a recuperación e rexeneración do tecido residencial.

A convocatoria, aprobada xa polo Goberno Local, está pendente da súa publicación no BOP, logo do seu envío á Base de Datos Nacional de Subvencións. Contará cun crédito total de 352.965,60 euros. 

image
Cadro co desglose do crédito total segundo os sobrantes das anteriores convocatorias.

Son axudas que financiarán do 35 ao 45 % dos proxectos, «axudas moi importantes e moi necesarias para seguir contribuíndo a rexeneración urbana destas dúas zonas», explicou Gulías. O número de actuacións postas en marcha desde o ano 2013 no conxunto histórico foi de 203 e de 349 en Estribela —no referido a vivendas e edificios privados—.

No referente á obras públicas, a portavoz informou da posta en marcha dun proxecto para este amo 2022 de mellora dos espazos públicos, concretamente do centro histórico. Será realizada unha mellora dos arredores da casa consistorial, aproveitándose a zona dos antigos aseos públicos, que van ser acondicionados e aproveitados para conter as estruturas de climatización e calefacción da Casa Consistorial, que afrontará este ano unha renovación completa co fin de crear un novo espazo público, moderno e accesible, que sirva a toda a veciñanza.