O Concello solicita unha subvención de case 2 millóns de euros ao Ministerio de Transición Ecolóxica para o plan de apertura do treito urbano do Gafos

886
  • Desenvolvemento Sostible pide á Fundación Biodiversidade axudas por unha contía global duns 5 millóns de euros, dos que un millón iría á mellora ecolóxica do contorno do Recinto Feiral
  • A proposta do concelleiro socialista tamén abrangue a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba e dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e o edificio da Xunta

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, vén de solicitar unha subvención por valor de 4.789.941,67 euros no marco da convocatoria da Fundación Biodiversidade (adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) para fomentar actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas. A proposta municipal, emitida o pasado 30 de decembro, inclúe unha solicitude de dous millóns de euros para o proxecto de apertura do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo, en concreto para liberar e renaturalizar un primeiro treito soterrado que discorre entre a rúa Xeneral Rubín e a igrexa de San Xosé (Praza da Constitución).

A candidatura da nosa cidade ten o obxectivo xeral de desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial, a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático. Tal e como apunta Iván Puentes, “entre as accións recollidas tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e ademais incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas”. “Unha especie de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -matiza o edil do PSOE-, pero de espazos verdes”.

Asemade, nesta proposta tamén se recollen a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, cun orzamento de máis de 368.000 euros, e a mellora ecolóxica e paisaxística do contorno do Recinto Feiral, coa inclusión de sistemas urbanos de drenaxe sostible, á que se destinaría arredor dun millón de euros. Na candidatura remitida á Fundación Biodiversidade tamén están previstas a restauración ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa (a carón do Lérez) e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), así como a creación dunha cuberta verde no Pazo da Cultura, con orzamentos de máis de 190.000 euros e de máis de 160.000 euros, respectivamente (cifras semellantes se recollen para plans de participación e comunicación e para a realización de traballos de medición e seguimento).

Iván Puentes precisa que o plan de recuperación e restauración ecolóxica do treito urbano do río dos Gafos para o que se solicita subvención “abrangue un primeiro tramo cunha extensión de 330 metros do total de 540 que se atopan actualmente soterrados”. Segundo subliña, con esta actuación “lograríase avanzar na creación dun corredoiro ecolóxico de primeira orde na cidade, permitindo conectar o ecosistema natural do río dos Gafos no seu treito periurbano (recoñecido como Espazo Natural de Interese Local) co tramo descuberto existente antes da desembocadura na ría de Pontevedra, que agora mesmo se atopa en fase de rexeneración ambiental por parte desta Concellería”.

O treito entre A Tablada e Rosalía de Castro, en fase de licitación

De feito, Puentes agarda que nos vindeiros días se poida poñer en marcha a licitación do proxecto para recuperar o tramo do Gafos que discorre entre as rúas da Tablada e Rosalía de Castro, “que o Concello de Pontevedra executará con cargo a unha achega económica de 600.000 euros dos fondos Edusi”. “O proxecto xa está listo, temos concedidos os  correspondentes permisos de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, contamos co visto bo do Ministerio de Hacienda para a inclusión da obra nos Edusi, polo que, unha vez que se envíe a Contratación e que estea informada polo secretario municipal e polo Servizo Municipal de Intervención, podería levarse a Xunta de Goberno Local para sacala a licitación”, avanza o socialista.

Iván Puentes matiza que o Orzamento municipal de 2022, que será aprobado este venres en Pleno extraordinario, inclúe unha partida de 82.280 euros para o acondicionamento da senda de carácter temporal xerada en paralelo ao Paseo de Valle-Inclán, “o que, mentres non recibamos a subvención da Fundación Biodiversidade, permitirá substituír o actual valado de obra por outro máis estético; prolongar a senda construída este verán entre Xeneral Rubín e a EEI Crespo Rivas ata a igrexa de San Xosé; prolongar tamén a senda construída pola outra marxe da canle do río, entre Xeneral Rubín e a escola infantil da Xunta, ata a senda que conecta con Iglesias Vilarelle (fronte á Crespo Rivas), de tal xeito que se poida acceder ao centro desde ámbalas rúas, evitando o rodeo que agora mesmo teñen que dar os pais, e construír dúas pasarelas sobre a canle do Gafos, que farán posible conectar as sendas a ámbolos lados e unha maior permeabilidade peonil, evitando rodeos ata a Praza da Constitución ou Xeneral Rubín e salvando o perigo que supón transitar directamente sobre a lousa do Paseo”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible agarda que o Concello poida asinar nas vindeiras semanas co Colexio de Arquitectos o contrato para lanzar o concurso internacional de ideas que definiriá o proxecto para liberar e renaturalizar o treito urbano do río dos Gafos. “Ao mesmo tempo, seguimos a explorar vías de financiamento a través de fondos europeos, co obxectivo de impulsar as diferentes fases dunha actuación que integrará o parque de Campolongo na trama urbana e na vida diaria dos seus veciños e que establecerá un novo diálogo entre o río e a cidade”.

Eliminación de especies exóticas e invasoras na Xunqueira de Alba

Iván Puentes avanza que o plan de restauración ecolóxica e mellora da biodiversidade da marisma da Xunqueira de Alba recollido nesta proposta “está orientado á eliminación das especies exóticas vexetais identificadas nos estudos xa realizados (acacia, mimosa, eucalipto, robinia, cartaderua selloana, tradescantia fluminensis, cotula coronopifolia e arundo donax), mellorando deste xeito a condición medioambiental da área, así como ao control de fauna invasora, neste caso do cangrexo americano (procambuarus clarkii)”. Unha intervención que, ao seu xeito de entender, “co desmantelamento do Parque de Maquinaria da Deputación e da Imprenta Provincial e o conseguinte proxecto de restauración ambiental en marcha na Xunqueira de Alba, servirá para rexenerar e poñer en valor un ecosistema único, situado en plena cidade”.