A festa continúa para os máis pequenos no primeiro andar do Mercado de Abastos da man do Ganapán

36

A festa non para no Mercado de Abastos para os máis pequenos. Tralo maratón de talleres e actividades desenvolvidos con motivo do Nadal, o programa municipal O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, seguirá adiante esta fin de semana cun abano de divertidas propostas gastronómicas e creativas especialmente pensadas para nenos e nenas de 4 a 10 anos.


Así, os rapaces que se acheguen ata o Gastroespazo o sábado 8 de xaneiro poderán desfrutar dun taller de elaboración de crepes de cabaza, unha receita que, como salienta a concelleira Yoya Blanco, “é moi orixinal, saborosa e saudable, perfecta para un dos propósitos que moitos e moitas temos neste inicio de ano: comer un pouquiño máis san despois das enchentes do Nadal”. Asemade, nesta xornada tamén se celebrará un taller no que, baixo o título de ‘Voa, voa, paxariño’, os cativos terán a oportunidade de crear un paxariño móbil cun par de palliñas e moito inxenio.


“Para o domingo 9 de xaneiro temos previsto outro obradoiro de cociña, no que a rapazada poderá preparar unha torta de galletas María, ideal para unha celebración e cun sabor incrible; e un de creación de pingüíns lanza bólas, un xogo caseiro co que os nenos poderán facer tiro ao branco ou mesmo batalla de pelotas”, sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo.


Como sempre, os talleres desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e será necesaria inscrición previa a través do email oganapan@gmail.com (o prazo pecharase ás 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades). Yoya Blanco aconsella unha vez máis “traer friameira para levar a casa as receitas preparadas”.