A Bolsa dos Desexos de Asampo estará o sábado 15 de xaneiro na Praza da Peregrina para recoller os soños e ilusións dos pontevedreses

72

A Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) instalará o sábado 15 de xaneiro na Praza da Peregrina entre as 15:00 e as 22:00 horas unha mesa informativa co obxectivo de promover a importancia da doazón de sangue, órganos e tecidos entre a cidadanía pontevedresa. Todos os que se acheguen ata a carpa nesa xornada poderán ademais depositar os seus soños e ilusións na denominada Bolsa dos Desexos, que será levada por relevos desde Tui ata Santiago para seren depositados na Capela da Corticela da Catedral compostelana e pasar así a formar parte do fume do botafumeiro.


Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Concellería de Actividade Física e Saúde do Concello de Pontevedra, porase precisamente en marcha o sábado 15 de xaneiro, día no que a comitiva de Asampo partirá de Tui ás 8:00 horas e o colectivo emprazará mesas informativas en diferentes concellos ao longo do percorrido.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, anima a tódolos pontevedreses a participar desta Bolsa dos Desexos de Asampo, “unha asociación sen ánimo de lucro que fai un labor inxente na promoción da doazón de sangue, órganos e tecidos e que, con este tipo de iniciativas, permite visibilizar unha cuestión fundamental no eido socio sanitario”.