Pontevedra continúa a celebrar a festa do atletismo neste inicio de ano co IV Torneo de Reis

84
  • O evento, organizado polo Club Atletismo Rías Baixas co patrocinio da Concellería de Deportes, terá lugar este mércores 5 de xaneiro nas pistas do Centro de Tecnificación Deportiva (CGTD)
  • Máis de 400 atletas das catro provincias galegas, principalmente de categorías base, participarán nesta competición, que contará coa presenza de varios dos nosos mellores deportistas

A pesar do sobreesforzo organizativo motivado pola pandemia, o Club Atletismo Rías Baixas logrou sacar adiante por cuarto ano consecutivo, co patrocinio da Concellería de Deportes, o xa tradicional Torneo de Reis. A competición, na que tamén colaboran as firmas Grupo Jim Sports e Dibay Eventos e a Federación Galega de Atletismo, celebrarase nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e contará coa participación de máis de 400 atletas procedentes das catro provincias galegas (202 mozos e 198 mozas), a meirande parte deles de categorías base. 

Entre eles figurarán varios dos mellores deportistas de Galicia en distancias como o 200 e 800 metros, con nomes propios como os de Cristina Garrido, Lucía Ferrer, Alberto Pérez, Jacobo Soler, Cristian Montecelo ou Jemal Samson, así como o de Xela Martínez, a mellor do mundo en categoría sub 16, que fará o seu debut en 2022. “Aínda que competirán deportistas de elite, o principal obxectivo deste Torneo de Reis é que desfruten os nenos e nenas”, matiza o presidente do Club Atletismo Rías Baixas, Gonzalo Méndez, quen asegura que “disporemos dun protocolo ríxido que imos cumprir entre as 10:00 e as 14:00 horas”. 

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, salienta “a elevada contribución da canteira do Atletismo Rías Baixas a este evento, no que tomarán parte 70 rapaces do club organizador, que ano pasado apenas tiña unha vintena de atletas e cuxo proxecto non para de crecer en tódolos sentidos desde a súa fundación”.

Entre as disciplinas atléticas das que poderá gozar o público asistente (permitirase ata completar aforo) inclúense salto de lonxitude, lanzamento de disco e 50, 60, 80, 200, 300, 800, 1.000 e 1.500 metros. Para poder participar, os atletas inscritos deberán amosar o certificado de vacinación Covid ou achegar un certificado de test de antíxenos ou PCR negativo cunha antelación máxima de 72 horas á celebración da proba, ou ben un certificado médico conforme se superou a infección por Covid-19 nun período comprendido entre os 11 e os 180 días anteriores. Os menores de 12 anos sen vacinar teñen que asinar unha declaración responsable.