A Cabalgata de Reis terá un formato estático na praza do Concello

468
As oito carrozas estarán situadas en Montero Ríos, ao mesmo tempo que os 26 grupos de animación contratados para a cabalgata tradicional percorrerán toda a cidade ao longo do día
A decisión chega logo da recomendación da Xunta de Galicia de dar prioridade a este tipo de formato

A concelleira de Festas, Carme da Silva, confirmou esta mañá, 29 de decembro, que a Cabalgata de Reis prevista para o día 5 de xaneiro mudará o seu formato, pasando de dinámica a estática. A decisión chega logo das novas medidas sanitarias anunciadas pola Xunta de Galicia, nas que aparece recollida, tal e como transmitiron os medios de comunicación, a recomendación de facer cabalgatas estáticas e non en movemento. 

«Se a Xunta de Galicia considera que se deben facer con ese formato, o Concello adaptará a cabalgata a ese formato», sinalou da Silva. «Era unha das previsións que tiñamos, mais tampouco descartamos que a vindeira semana digan que non se poden celebrar, dada a previsión coa que a Xunta está actuando nesta onda da Covid».

Como será o novo formato? Recolle a idea principal da cabalgada dinámica de facer unha gran recepción aos Reis Magos na Praza do Concello logo de realizar un trazado por boa parte da cidade —o circuíto principal fora ampliado respecto doutros anos—, adaptando esa recepción para que durante todo o día, as crianzas poidan pasar por este lugar, en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 21 horas, para veren os Reis Magos. 

De xeito lóxico, por mor das medidas sanitarias coas que leva o mundo convivindo no último ano, non poderán subir ao colo destes e manterase sempre unha distancia prudencial de seguridade. As oito carrozas que tiñan prevista a súa circulación pola Boa Vila estarán situadas —sen os camións— en Montero Ríos. Os 26 grupos de animación que acompañarían o percorrido da cabalgata estarán durante todo o día animando as rúas de Pontevedra, ademais de preto da previsible cola que os nenos e nenas terán que facer para poder pasar por diante dos Reis.

«Poranse os medios para que esta cola sexa ordenada, que irá por Montero Ríos, xa que hai bastante espazo para facer unha fila ordenada. Os nenos e nenas non poderán quedarse moito tempo diante dos Reis, polo que agardamos que sexa relativamente fluída», sinalou a edil de Festas. «Os caramelos, que non ían ser lanzados aínda mesmo co formato habitual., tamén estarán presentes para todas esas crianzas que este ano se portaron tan ben e serán ofrecidos a estas durante a súa espera polos Reis».

Haberá caramelos especiais para crianzas con intolerancia ao gluten e tamén sen azucre, para todos os rapaces e rapazas que así os reclamen.

Sobre as restricións e medidas tomadas o martes 28 de decembro

A concelleira Carme da Silva tamén aproveitou a súa comparecencia para facer balance das últimas restricións con carácter xeral que preparou a Xunta de Galicia de cara a celebración de Noitevella e as primeiras semanas de xaneiro, que foron transmitidas polos medios de comunicación, mais están pendentes de ser publicadas no DOG. 

«Amais da falta de concreción en moitas das cuestións manifestadas pola Xunta, cómpre dicir que é moi difícil saber xa como comportarse neste momento no caso de que sexas contacto cun positivo, se hai corentena, se non a hai, se tes que facer probas, se a fas ti mesmo… Móvese nunha indefinición bastante importante na que á sociedade o que lle traslada é preocupación e nerviosismo. Nunha situación deste tipo o que ten que haber por parte dos responsábeis sanitarios é trasladar mensaxes claras e protocolos claros», sinalou a edil. «Porén, a sociedade está a responder cunha responsabilidade enorme, pois non hai máis que ver as grandes colas que rodean o hospital para facer probas PCR voluntarias. Chegamos neste momento a unha nova fase por parte da Consellería que poderíamos chamar de autodiagnóstico, porque a proba que ti te fas na casa de antíxenos, un ben cada vez máis escaso, se dá positivo xa é suficiente».

Da Silva lamenta a falta de previsión da Xunta nesta sexta onda do virus, cunhas medidas que non son fixas e que aínda non está claro que pasarán o 31 de decembro, e lembra que as medidas chegan apenas dous días antes dunha data tan importante como esta, e sen ter excesiva claridade do que a xente poderá facer ou non. «Chegamos cun toque de non queda que pasará aos anais das roldas de prensa da Xunta, que creo que será recordada, pero o problema é que lle afecta a xente, a súa economía, a súa vida… e así o chaman: ‘toque de non queda’».