Iván Puentes preséntalle á veciñanza da Eiriña o proxecto de mellora e axardinamento do parque da palmeira de Joaquín Costa

107
  • A actuación prevista nesta zona verde, situada no entronque con 12 de Novembro, ascende a 50.000 euros e inclúe a creación de áreas de estancia e sombra, con bancos accesibles e un banco corrido na zona da palmeira, ademais dun camiño que artella o espazo oeste-leste e a posta en valor da fonte.
  • As obras, segundo o proxecto deseñado polo enxeñeiro Diego Pereira, foron adxudicadas á empresa Garocaprim S.L. e darán comezo en xaneiro, tralo parón de Nadal do sector da construción.

Pontevedra, 28 de decembro. O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, visitou esta mañá cos membros da Asociación de Veciños e Veciñas da Eiriña, encabezados polo seu Presidente, Jesús Cazorro, o parque da Palmeira, espazo no que tralas vacacións de Nadal se iniciarán as obras destinadas á mellora paisaxística e creación de áreas de estancia e sombra. En base ao proxecto elaborado por Diego Pereira, enxeñeiro de Montes da firma Viveiros Acroa, realizarase un investimento de 48.546,30 euros, destinado tamén á posta en valor dos elementos existentes e á integración deste parque na contorna coa creación dun camiño que artelle o espazo oeste-leste.

As actuacións, xa adxudicadas á empresa Garocaprim S.L., permitirán incrementar a capacidade de acollida e confort desta zona verde, converténdoa nun punto de encontro e socialización comunitaria mediante a conformación de áreas de estancia con mesas e bancos de madeira. Ademais, preténdese incrementar a beleza do espazo coa dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada.

Tal e como sinala o concelleiro Iván Puentes, “a zona verde na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro atópase nunha das máis importantes bolsas de solo urbanizable no centro de Pontevedra e cómpre dotala dun equipamento público axeitado ás novas demandas futuras do barrio”. Neste sentido, puxo en relación as obras agora previstas no parque da Palmeira con outras dúas xa aprobadas polo súa concellería nesta zona da cidade, a nova Pasarela de José Adrio Barreiro, en 12 de Novembro, na que Concello e Deputación investirán 500.000 euros e a reforma integral do Parque de Amalia Álvarez, que sairá a contratación a primeiros de ano cun orzamento de 60.000 euros. “Tres obras, sinala o concelleiro, que suman máis de 600.000 euros investidos en dotar de espazos de lecer e de zonas verdes, de calidade de vida, en definitiva, aos veciños e veciñas desta zona; a crear en cada barrio, como se está a facer no resto da cidade, equipamentos verdes de primeiro nivel que nos permitan vivir plenamente e co maior confort, independentemente de onde se atope a nosa casa”.

Os traballos incluirán o refino do chan coa eliminación manual e mecánica de pedras e outros materiais que impidan a viabilidade do xardín, unha nivelación definitiva conforme á topografía do terreo e unha eliminación de vexetación tanto na parte aérea como da radicular. De ser preciso, retiraranse residuos ou entullos presentes para achegar logo terra agrícola de boa calidade que permita emendar as deficiencias do punto de vista da calidade do solo existentes no espazo.

“Formúlase a creación dun camiño que artelle o espazo oeste- leste -indica o edil de Desenvolvemento Sostible-, tendo como referencia visual a fonte e a palmeira que constitúe un fito no parque e na contorna. O pavimento deste camiño realizarase con terrizo, de 10 cm de espesor, realizado con xabre granítico cribado sobre a explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora, con refino manual dos bordos. Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2”.

Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…). Considerase a implantación de céspede de gramíneas de uso ornamental-rústico onde este se atopa deteriorado ou mesmo inexistente.

As demandas da veciñanza: máis confort e sombra

Segundo sinala Iván Puentes, “no parque da palmeira de Joaquín Costa aprézase un notable déficit de sombra, polo que, coa finalidade de dar resposta ás demandas da veciñanza e de garantir unha axeitada relación sol/sombra, formúlase unha proposta de plantación de arborado no xardín, incorporando especies coherentes coas existentes tanto a nivel de volumetría como de composición xeral, esencialmente cipreses comúns, magnolias tulíperas e acacias”. “A incorporación dun estrato arbustivo neste parque -apunta o socialista- é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo, para o que se formula unha composición con diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha axeitada calidade paisaxística ao longo de todo o ano”.

O proxecto tamén contempla a instalación de rega por goteo en zonas arbustivas do noiro e de aspersión no céspede, mentres que as franxas máis estreitas se resolverán mediante rega con difusores (por ser as opcións máis axeitadas e sustentables). Proxéctase a instalación dun sistema de rego automatizado mediante o soterrado de tubarias e acondicionamento con estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central.

A intervención, incluída na última modificación de crédito aprobada polo Concello e que ten un prazo de execución previsto dun mes e medio desde o inicio dos traballos, prevé a instalación de bancos accesíbeis distribuídos entre as árbores no bordo do camiño, así como a construción dun banco de obra, que inicialmente ía corrido arredor da palmeira, pero, finalmente, tamén a petición dos veciños e veciños terá só forma de semicírculo, deixando na outra metade libre o actual outeiro coroado pola palmeira e que constitúe unha zona de xogo libre dos nenos e nenas.