O Concello volve a poñer a disposición do Sergas o Recinto Feiral

18

O Concello de Pontevedra volve a poñer a disposición do Sergas as instalacións do Recinto Feiral para a atención dos usuarios da área sanitaria de Pontevedra. Esta semana, o Sergas trasladou ao Concello a necesidade de utilizar unha parte do Recinto Feiral, nesta ocasión, para realizar probas de antíxenos á poboación.

Logo de conversas entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o xerente do Sergas en Pontevedra, José Ramón Gómez, acordouse poñer a disposición do Sergas a parte alta do Recinto Feiral, de tal modo que os usuarios poderán entrar polo estacionamento superior do Pazo para realizar as probas.

A posta a disposición foi o pasado día 23, momento en que o xerente do Sergas se puxo en contacto co alcalde, polo que o seu uso sería inmediato. O tempo estimado da cesión será até finais de xaneiro.

Colaboración municipal

O Concello de Pontevedra colabora habitualmente en todas as campañas nas que o Sergas solicita apoio ou respaldo para concienciar á poboación. Esta colaboración intensificouse durante a pandemia da Covid facilitando a xestión da área sanitaria (zonas de estacionamento, plans de tráfico…) ou espazos como o Recinto Feiral para realizar probas de PCR ou vacinacións masivas, en concreto.

Unha vez que a pandemia estivo máis controlada e rematadas as primeiras vacinacións masivas, o Concello retomou a actividade normal do Recinto Feiral comprometendo espazos para eventos como o Culturgal, Debut ou Etiqueta Negra que supoñen un pilar para a economía local. 

Neses momentos non era factible poñer a disposición do Sergas o Recinto Feiral dado que a loxística dos eventos obrigaba a ocupar todos os espazos, pero o Concello si colaborou buscando outros locais municipais e, incluso, privados para poder continuar coa atención sanitaria masiva. Finalmente adoptou as medidas oportunas de tráfico para facilitar as vacinacións no espazo finalmente escollido.

Na actualidade, o Concello pode volver a poñer o Recinto a disposición do Sergas, cando menos unha parte da súa superficie. A solución escollida polo Sergas foi utilizar a parte superior para realizar estas probas de detección do virus.