O Ganapán de Nadal arrincará o 22 de decembro cunha programación ‘antiaburrimento’ que somerxerá aos máis pequenos de cheo nas festas

66

“O Ganapán do Nadal desenvolverá entre os días 22 de decembro e 7 de xaneiro no Mercado de Abastos unha programación ‘antiaburrimento’ que somerxerá aos máis pequenos de cheo nas festas”. Así define a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, a intensa e diversa oferta de actividades deseñada no marco deste programa de lecer infantil destinado a nenos e nenas de catro a dez anos e que inclúe talleres de elaboración de turrón caseiro, mazapán de amendoa, polvoróns e mini roscos de Reis, e obradoiros de confección de barbas e gorros de Papá Noël, calcetíns sostibles para Noiteboa, postais 3D, elfos personalizados e agasallos de Reis.


A programación do Ganapán do Nadal celebrará actividades tódolos días, en dúas quendas en horario de mañá: ás 11:00 e ás 12:30 horas. Todos aqueles rapaces interesados en participar poderán inscribirse previamente a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com.


Os talleres e datas programadas son os seguintes:


Mércores 22 de decembro


Espazo Crea Estrela de Oriente

Gustaríavos decorar a árbore de Nadal de forma orixinal e con enfeites feitos por vós? Propoñémosvos facer unha estrela, como aquela que guiou os Reis Magos, e que coma sempre xa ten un lugar destacado na decoración de Nadal. Acompañádesnos?


Espazo Gastro Galletas de Advento 

Para recibir a época máis esperada do ano, non hai mellor receita que estas galletas. Serven para papar e para agasallar. O resultado está garantido porque están boísimas! Xa sabedes, non poden faltar na casa estas galletas natalicias!


Xoves 23 de decembro

Espazo Crea Calcetíns sostibles para Noiteboa

A lenda di que debemos deixar calcetíns colgados na cheminea para que Papá Noel pase e deixe os seus doces, agasallos e un rastro de estrelas brillantes no ceo…Non perdades a ocasión de facer os vosos propios calcetíns… Papá Noel vai quedar encantado!


Espazo Gastro Turrón caseiro de xema de ovo

Cal é a sobremesa de Nadal máis coñecida?  Está claro, o turrón! Hainos de moitos tipos  e combinacións para todos os gustos. Imos probar unha receita propia que seguro que está de chupar os dedos. Animádesvos?


Venres 24 de decembro

Espazo Crea Barba e gorro de Papá Noel

Imos crear o noso propio disfrace de Papá Noel para vestir en Noiteboa mentres agardamos a chegada de Santa Claus pola cheminea (ou pola ventá!). Animádesvos a intentalo? Pois ao choio!


Espazo Gastro Mini brownies Noel

Esta receita de brownie Noel converterase na vosa favorita, sen dúbida. Ímoslle dar á nosa sobremesa un toque natalicio cunha decoración fantástica grazas aos amorodos e ao chocolate. Toca poñer o mandil!


Domingo 26 de decembro

Espazo Crea Abeto do Nadal

A árbore é un dos símbolos por excelencia do Nadal, unha tradición en milleiros de fogares de todo o mundo. Por iso nós imos facer a nosa proposta. Tomade nota: papel, fío, feltro, cinta… Todo vale para crear un dos elementos principais de decoración natalicia!


Espazo Gastro Mazapán de améndoa 

Os mazapáns son un doce tradicional que non poden faltar no Nadal! Trátase dunha receita moi sinxela e divertida de preparar. Facer as figuriñas sempre nos presta! As vosas amizades quedarán encantadas coas súas formas e  seu delicioso sabor!


Luns 27 de decembro

Espazo Crea Postais de Nadal 3D

Para expresar todos os nosos bos desexos aos seres queridos, que mellor que unha linda tarxeta 3dD? Unha proposta moi orixinal para este Nadal!


Espazo Gastro Polvoróns caseiros

Esta receita é digna das mellores confeiterías! O mellor é que resulta moi sinxela… Así que este ano non hai escusa para non tentar facer un dos doces máis típicos do Nadal: os polvoróns.


Martes 28 de decembro

Espazo Crea Gorro de reno Rudolph

Con estes adorables gorros con cornamenta iremos a tope coa moda de Natal. No Ganapán temos todos os elementos necesarios para facelos e lucilos nestas festas natalicias. Non esperedes para conseguir o voso, que molan moitísimo!


Espazo Gastro Árbore de chocolate

No Nadal toleamos pensando os menús para estes días, por iso vén de marabilla ter a man receitas coma esta, orixinal, vistosa e saborosa. Con ela podemos adozar a nosa mesa polas festas! Ademais, quen se pode resistir a unha sobremesa de chocolate?


Mércores 29 de decembro

Espazo Crea Ornamentos de arxila e purpurina

Estades list@s para elaborar enfeites de Nadal? Descubride connosco as mellores ideas de decoración utilizando arxila e purpurina, con esta combinación darédeslle un aire brillante ao voso fogar durante as festas!


Espazo Gastro Aperitivo de Nadal: pexegos ao forno con queixo brie

Os aperitivos do Nadal son unha parte moi importante do menú nestas festas. Con esta irresistible receita os vosos convidados quedarán moi impactados e chuparán os dedos!


Xoves 30 de decembro

Espazo Crea Monicreque de elfo personalizado

Un xoguete que sabemos que vos encanta son as marionetas. Propoñémosvos convertervos en elfos de Papá Noel, en versión articulada! Só necesitades unha foto do voso rostro, cun bo sorriso, e a gozar! 


Espazo Gastro Bombóns de chocolate

Os bombóns son un agasallo ideal para facer en datas sinaladas coma esta. E se os facedes vós mesm@s, será un regalo moito mellor! Gústavos a idea?


Venres 31 de decembro

Espazo Crea Marioneta do Apalpador

O Apalpador é un home moi grande que vive nas montañas, ocupado durante todo o ano en facer carbón. Mais en decembro baixa das montañas para visitar os nenos e nenas galegas. Queredes coñecelo? Pois esta é a vosa!


Espazo Gastro Christmas brunch: roliño de salmón e queixo + batido de Nadal

Se queredes ser orixinais e sorprender os vosos comensais, debedes probar esta proposta diferente para os xantares de Nadal. É o noso plan favorito nestas datas. Xa sabedes, apuntádevos á moda do brunch!


Domingo 2 de xaneiro

Espazo Crea Agasallo de Reis I: bolso

Os pratos de papel valen para unha chea de cousas. Quen pensaría en facer bolsos con eles? Pois así de creativas somos no Ganapán. Ademais é un agasallo ideal para facer nestas datas. Vai ser o agasallo estrela do Nadal!


Espazo Gastro Sultanas de coco á laranxa

Este doce é lixeiramente crocante por fóra e moi tenro e esponxoso por dentro. Apetece a calquera hora do día, sobre todo para celebrar coas amizades estas festas tan especiais. As sultanas son un auténtico manxar!


Luns 3 de xaneiro

Espazo Crea Agasallo de Reis II: Portafotos de reno

O Nadal é, sen dúbida, das mellores épocas do ano: é xenial recibir e entregar agasallos! Sorprende as túas amizades e familiares cun obsequio único e moi fácil de facer. Un portafotos feito por nós coa foto que prefirades é o regalo ideal!


Espazo Gastro Pudin de Nadal

O pudin segue a ser na actualidade un elemento fundamental das celebracións do Nadal no Reino Unido. Unha sobremesa clásica e deliciosa, non queremos que quededes sen probala. Quen o papa unha vez, repite!


Martes 4 de xaneiro

Espazo Crea Agasallo de Reis III: xoiería con arxila

Os agasallos de Nadal feitos coas nosas mans teñen o valor engadido do afecto e a dedicación que poñemos ao facelos. Se a iso lle sumamos que podemos aforrar uns cartiños…Que máis se pode pedir? 


Espazo Gastro Galletas crinkles de limón

Traémosvos unha receita tentadora e co sabor refrescante do limón, despois dunhas festas cheas de enchentes. Hai poucas galletas tan vistosas como as crinkles. Fascinaranvos as fendas tan chulas que se forman ao enfornalas!

Mércores 5 de xaneiro

Espazo Crea Faroliños luminosos (para recibir os Reis Magos)

Estes faroliños son ideais para recibir as súas Maxestades e crear un ambiente cálido durante esta noite, que é a que máis nos gusta de todas as festas, a que si? Deixade que a maxia do Nadal alumee o voso fogar!

Espazo Gastro Mini roscos de Reis

Se vos gusta probar doces do Nadal, encantaravos enfornar estes mini roscos con sabor a laranxa. O resultado é espectacular, quedan uns roscos cun agradable sabor. Non pararedes tras probar o primeiro!


Venres 7 de xaneiro

Espazo Crea Bóla de neve

Como aínda temos uns días de desta antes de que empece o cole, podemos aproveitar para facer unha bóla de neve caseira e deleitarnos vendo as folerpas caer… A quen non lle gusta unha boa nevarada?


Espazo Gastro Amendoados

Aínda que son unhas pastas moi do Nadal, o certo é que en moitos sitios consómense durante todo o ano. Propoñémosvos probar a nosa receita, que é deliciosa, mais será o noso segredo…