O Concurso de Escaparates de Nadal da Concellería de Promoción Económica e #PonteLovers conta con 76 establecementos inscritos

264

O xurado do Concurso de Escaparates de Nadal organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers terá que valorar as propostas de 76 negocios e establecementos comerciais da nosa cidade. Este elevado número de inscricións pon de manifesto o éxito da iniciativa impulsada pola socialista Yoya Blanco en colaboración coa empresa Pontevedra Digital para incentivar as compras no comercio local e implicalos na creación dunha atmósfera de Nadal que invada as nosas rúas durante as festas.


O xurado está composto por:


– Un grupo de 22 alumnos e alumnas do módulo de Escaparatismo do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais e outro de catro estudantes do Ciclo Superior de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES Luis Seoane de Monte Porreiro, capitaneados pola profesora titora Iria Morgade.

– Carmen Hermo, artista e docente da Universidade de Vigo. 

– O escritor e presentador Manel Loureiro. 

– A escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias Calvete, 

– Luz Gómez Señoráns, técnica de Distrito Forestal. 


Os membros do xurado poderán visitar individualmente os escaparates finalistas en calquera momento ata o vindeiro 26 de decembro. Esta mesma tarde foron os alumnos dos IES Luis Seoane os que protagonizaron un percorrido polos establecementos participantes.


O xurado valorará cunha puntuación do 0 a 10 cada un dos seguintes aspectos:

1. A integración dos produtos á venda
2. A composición do escaparate e a súa adaptación á temática de Nadal
3. A harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e o emprego prioritario de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais
4. A interacción co público
5. A invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final

O Concurso de Escaparates de Nadal contempla premios 1.500, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados e o sorteo de vales de 50 euros entre os cidadáns que elixan os seus decorados favoritos votando nas redes sociais. Con esta iniciativa preténdese dinamizar a actividade comercial nestas datas tan especiais e implicar aos establecementos da cidade na confección de propostas orixinais e creativas que enchan de maxia as nosas rúas.

Os participantes manterán os escaparates decorados e visibles ao público e os establecementos iluminados e nas condicións que permitan que o xurado poida visualizar claramente os escaparates ata o día 6 de xaneiro. 
Neste certame establécense dúas categorías de premios: por unha banda, os outorgados por un xurado que eu mesma presidirei sen voto e que estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio nas áreas do deseño, o márketing, a promoción comercial, o escaparatismo, a fotografía ou o deseño de interiores; e pola outra, os premios do público, concedidos mediante votación cidadá a través do enlace ‘Vota o teu Favorito’ de Easypromos, que se difundirá na web do Concello de Pontevedra (Pontevedra.gal) e nas súas redes, así como nas da plataforma #PonteLovers.

De entre tódolos escaparates presentados, os membros do xurado realizarán unha selección de 10 finalistas, da que se decidirán os 3 escaparates premiados unha vez sumada a votación online. A cidadanía poderá efectuar as súas votacións sobre os 10 finalistas entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro.

Os gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal 2021 e os premios obtidos polos votantes daranse a coñecer o 7 de xaneiro 2022 mediante a súa publicación na páxina web do Concello de Pontevedra.