A primeira promoción de bos cidadáns caninos celebrará o seu acto de graduación o domingo 26 de decembro na Praza de Touros nun evento que incluirá entrega de diplomas, exhibicións e un mercadillo solidario

20

A Concellería de Benestar Animal, que dirixe o socialista Marcos Rey, entregará o domingo 26 de decembro os diplomas acreditativos da primeira promoción de bos cidadáns caninos de Pontevedra. Será nun ‘acto de graduación’ que terá lugar na Praza de Touros e que tamén incluirá diversas exhibicións e actividades desenvolvidas polo club DivertiCans e un mercadillo solidario en favor dos colectivos Os Palleiros, Ohana e Galgos 112.

Tal e como sinala Marcos Rey, “os primeiros graduados dos Cursos para a Boa Cidadanía Canina organizados polo Concello de Pontevedra serán 19 dos 20 aspirantes que se inscribiron no programa, xa que un deles non o puido rematar”. “A pesar de que os expertos de Diverti Cans que impartiron os talleres, Carlos Souto e Diego Álvarez, se atoparon con todo tipo de razas e problemáticas persoais, hai que destacar que se trata dunha promoción na que foron todos moi bos alumnos e na que os donos seguiron francamente ben as pautas que lles marcaron os monitores, obtendo uns resultados espectaculares”, asegura o edil do PSOE.


Entre os atractivos deste evento canino navideño, que se celebrará en horario de 11:00 a 13:00 horas, atópanse unha exhibición de detección de olores na que os cans tentarán detectar as substancias que se lles indiquen en botes ou coches e un ‘mantrailing’ ou busca de persoas a través dun obxecto co seu olor (a partir das 12:30 horas). Ademais, haberá exhibicións de agility, frisbee e trucos caninos.


Os coñecementos e contidos que se impartiron no ‘programa académico’ dos mestres de Diverti Cans e que os alumnos ‘peludos’ deberon superar para graduarse son os seguintes:

  1. Aceptar a unha persoa descoñecida

2. Saudar, sentado/a, a unha persoa descoñecida

3. Aparencia e hixiene

4. Camiñar xuntos

5. Pasear entre persoas

6. Sentar, parar e tumbarse

7. Resposta á chamada

8. Relación con outros cans ou cadelas

9. Reacción ante distraccións

10. Separación supervisada