Desenvolvemento Sostible remata a tala controlada de eucaliptos no inicio da senda fluvial do Lérez

11

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a acometer unha tala controlada de eucaliptos na avenida de Bos Aires, na zona de acceso ao primeiro treito da senda do Lérez (inmediacións da praia fluvial). Trátase de tres exemplares de grandes dimensións que, debido ao espazo no que se atopan ubicados, non se podían cortar do xeito habitual, senón mediante unha tala por sistema de trepa realizada por arboristas cualificados para evitar danos nas árbores que os rodean. 


Tal e como indica Iván Puentes, “os expertos baixaron as ramas de xeito controlado e quitando o tronco cortado en varias seccións, apoiándose nunha grúa de gran tamaño para levar a cabo a súa retirada dun xeito seguro”. “Esta actuación permite darlle continuidade e rematar os traballos de tala de eucaliptos e mellora ecolóxica que levamos a cabo desde finais de 2019 neste treito das ribeiras do Lérez, do que, neste mandato, xa se retiraran outros once exemplares”, apunta o edil socialista.


A tala destes tres enormes eucaliptos, executada pola empresa Arbogal (a mesma que realizara as dos outros once), quedou rematada pola mañá, se ben aínda se traballa na retirada de madeira e ramas, polo que o carril curtado na avenida de Bos Aires para efectuar a intervención (en dirección de baixada desde Monte Porreiro) non quedará aberto novamente ata as 17:00 horas.