A maxia de Pontexogos espallarase polos barrios da Parda, Monte Porreiro e Campolongo os días 30 de decembro e 3 e 4 de xaneiro

71

A maxia do Nadal, que terá como epicentro a carpa instalada na avenida Raíña Vitoria, espallarase por outros barrios do municipio a través do programa Pontexogos 2021, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers. Así, o programa de obradoiros estenderase entre os días 22 e 29 de decembro polas Galerías Oliva, aterrando o 30 de decembro na Parda, o 3 de xaneiro en Monte Porreiro e o 4 de xaneiro en Campolongo.


Entre os talleres e actividades previstas figuran ‘O bosque dos Elfos e das Elfas pintores’, un Photocall-obradoiro de Nadal para fotografarse con personaxes do Nadal e elaborar divertidos imáns con estas imaxes, o taller Ecoadornos (onde se elaborarán copos, bonecos de neve, árbores… con cortiza e materiais de reciclaxe), ‘O establo dos renos/camelos lambóns’, ‘A texeduría dos calcetíns máxicos’, ‘A fábrica dos xoguetes’ e, como non podía ser doutro xeito, as visitas de Pai Natal e dos Reis de Oriente, que recollerán cartas e mensaxes dos nenos e nenas que acheguen (ademais de recibir un doce como adianto aos agardados agasallos). Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “Pontexogos conta cunha carpa móbil e mesas plegables, así como cun equipo de música, para levar o bo ambiente e a ledicia aos nosos barrios”.


O cronograma concreto dos obradoiros sería o seguinte:


– Días 22, 23, 24, 27, 28 e 29 de decembro, de 17:00 a 19:00 horas: Galerias Oliva (o horario do 24 de decembro será de 11:30 a 19:30 horas. 

– O 30 de decembro, de 16:00 a 20:00 horas: Centro Cultural da Parda (Centro Leste).

– O 3 de xaneiro, de 16:00 a 20:00 horas: Centro Cultural de Monte Porreiro.

– O 4 de xaneiro, de 16:00 a 20:00 horas: Centro Cultural de Campolongo e Praza da Liberdade (na zona cuberta do bar)