Un grupo de alumnos do IES Luis Seoane de Monte Porreiro participará como xurado no Concurso de Escaparates de Nadal organizado pola Concellería de Promoción Económica e a plataforma #PonteLovers

408

Un grupo de 22 alumnos e alumnas do módulo de Escaparatismo do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais e outro de catro estudantes do Ciclo Superior de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES Luis Seoane de Monte Porreiro, capitaneados pola profesora titora Iria Morgade, formarán parte do xurado do Concurso de Escaparates de Nadal organizado pola Concellería de Promoción e Turismo e a plataforma #PonteLovers en colaboración coa empresa Pontevedra Digital. O alumnado, que emitirá un voto conxunto, recibirá esta tarde no centro a visita da responsable desta firma, Marga Caeiro, que lles explicará como se vai desenvolver este certame e os puntos que deben ter en conta na súa valoración, protagonizando o venres pola tarde un percorrido polos escaparates participantes (con saída desde a Praza da Peregrina ás 17:00 horas).


A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, precisa que “á marxe dos estudantes do IES Luis Seoane, tamén formarán parte do xurado nomes de auténtico luxo como Carmen Hermo, artista e docente da Universidade de Vigo; o escritor e presentador Manel Loureiro; a escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias Calvete, e Luz Gómez Señoráns, técnica de Distrito Forestal”. “Os membros do xurado -avanza a edil do PSOE- reservaranse a posibilidade de visitar individualmente os escaparates finalistas en calquera momento entre os días 16 e 26 de decembro”.


O xurado valorará cunha puntuación do 0 a 10 cada un dos seguintes aspectos:


1. A integración dos produtos á venda
2. A composición do escaparate e a súa adaptación á temática de Nadal
3. A harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e o emprego prioritario de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais
4. A interacción co público
5. A invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final

O Concurso de Escaparates de Nadal contempla premios 1.500, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados e o sorteo de vales de 50 euros entre os cidadáns que elixan os seus decorados favoritos votando nas redes sociais. Con esta iniciativa preténdese dinamizar a actividade comercial nestas datas tan especiais e implicar aos establecementos da cidade na confección de propostas orixinais e creativas que enchan de maxia as nosas rúas.

Os participantes manterán os escaparates decorados e visibles ao público e os establecementos iluminados e nas condicións que permitan que o xurado poida visualizar claramente os escaparates ata o día 6 de xaneiro. Aos comercios inscritos neste concurso de escaparatismo de Nadal faráselles entrega dun logotipo de identificación, que colocarán obrigatoriamente e que deberá ser ben visible desde o exterior do escaparate. O prazo de presentación de propostas pecharase ás 15:00 horas de hoxe.


‘Vota o teu Favorito’ na web e as redes de Concello e #PonteLovers

Neste certame establécense dúas categorías de premios: por unha banda, os outorgados por un xurado que eu mesma presidirei sen voto e que estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio nas áreas do deseño, o márketing, a promoción comercial, o escaparatismo, a fotografía ou o deseño de interiores; e pola outra, os premios do público, concedidos mediante votación cidadá a través do enlace ‘Vota o teu Favorito’ de Easypromos, que se difundirá na web do Concello de Pontevedra (Pontevedra.gal) e nas súas redes, así como nas da plataforma #PonteLovers. 


De entre tódolos escaparates presentados, os membros do xurado realizarán unha selección de 10 finalistas entre mañá e o 26 de decembro, da que se decidirán os 3 escaparates premiados unha vez sumada a votación online. Os membros do xurado resérvanse a opción de visitar individualmente os escaparates finalistas en calquera momento desde o inicio da campaña. A cidadanía poderá efectuar as súas votacións sobre os 10 finalistas entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro.


Os gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal 2021 e os premios obtidos polos votantes daranse a coñecer o 7 de xaneiro 2022 mediante a súa publicación na páxina web do Concello de Pontevedra.