A rúa San Román exporá durante un mes a intervención lumínica efémera ‘Linguaxes’

21

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inaugurará este venres 17 de decembro pola tarde, ás 18:00 horas, na rúa San Román, a intervención lumínica efémera ‘Linguaxes. O mundo das letras impulsoras de linguaxes’. Creada polos comerciantes desta rúa en colaboración coa plataforma cultural O Sanatorio e a Concellería de Promoción Económica e Turismo, a exposición quedará instalada durante un mes, ata o vindeiro 17 de xaneiro, e terá como principal atractivo a exploración da cidadanía a través das luces de neón.


Segundo avanza Yoya Blanco, “o evento inaugural de ‘Linguaxes’ contará con música e con outras actividades”. “Trátase dunha intervención efémera realizada a través do comercio local, xerada por emprendedores que compoñen de principio a fin a rúa San Román. A finalidade é incrementar a súa visibilidade mediante a luz. As linguaxes se compoñen de letras e esas letras son as que constrúen novas linguaxes”, subliñou a edil socialista.

En opinión da concelleira de Promoción Económica, “este tipo de intervencións artísticas contribúen á revitalización da masa de emprendedores e, en consecuencia, permiten que rúas como San Román alberguen vida diaria, unha vida que xera o latexo da nosa cidade”. Tal e como apunta Blanco, “é un verdadeiro luxo poder contar coa participación creativa de O Sanatorio, un espazo que desde o pasado 25 de abril busca servir de plataforma de efervescencia local, conectando persoas a través de oficios e artes como valor terapéutico e poñéndoas logo a disposición de Pontevedra”.