PonteLovers e a Concellería de Promoción Económica convídannos a gozar e mercar no comercio local de Pontevedra

13

Animar a pontevedreses e visitantes a vivir a experiencia do comercio local e a realizar as súas compras nos negocios de proximidade é o obxectivo dunha nova campaña promocional impulsada pola plataforma #PonteLovers e a Concellería de Promoción Económica e Tursimo de Pontevedra. A través dunha peza audiovisual de dous minutos e medio de duración, producida, guionizada e dirixida por Emi Ramírez (con montaxe de Álex Mosteiro, que tamén realizou a tarefa de cámara), o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco quere lembrarnos que “saír de compras en Pontevedra non só se limita a visitar os distintos comercios, onde podemos atopar todo tipo de produtos e unha gran variedade de artigos, senón que pode ser toda unha experiencia, xa que moitos destes establecementos atópanse en lugares emblemáticos con incribles monumentos”.


“Podemos parar nunha das múltiples prazas a tomar un café cunha compañeira ou cun amigo, desfrutar dos distintos artistas da rúa ou ben ir mercar roupa, á perruquería ou facer unha tatuaxe… E practicamente sen ter que desprazarnos dunha zona urbana preciosa, na que moitas veces nos atopamos con xente coñecida. Comprar no comercio local é darlle sentido ás rúas e a longos e amenos paseos en compañía. Tal e como reza o lema desta campaña: Vive o comercio local, merca na rúa!”, subliña a edil do PSOE.

O spot promocional xa pode visualizarse na canle de Youtube do Concello de Pontevedra a través do seguinte enlace:


https://www.youtube.com/watch?v=JcnwybTjP5I