Concello e Deputación asinan o protocolo que lle podería abrir as portas ao Museo cara a maior ampliación da súa historia

42
As dúas administracións sinalan o exemplar deste acordo, tanto en tempo como en forma, e do bo que será non só para a cidade, senón para toda a provincia e para Galiza
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que esta posíbel ampliación faría do Museo unha das instalacións deste tipo máis importantes de todo o Estado

Concello e Deputación de Pontevedra asinaron esta mañá de martes, 14 de decembro, un protocolo que permitirá realizar os estudos necesarios en Santa Clara e os seus espazos para comprobaren a súa viabilidade á hora de pasar a formar parte do Museo de Pontevedra como unha nova extensión deste. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, realizaron a sinatura dun xeito público para poder dar conta do que suporá isto para a veciñanza da cidade, mais tamén de toda a provincia e o país, este acordo.

«Imos a un ritmo vertixinoso», sinalou Miguel Anxo Fernández Lores. «Se onte anunciabamos en rolda de prensa a idea deste protocolo, hoxe xa o estamos firmando. É un acordo que lle posibilita á Deputación facer un estudo fondo das posibilidades de cara a utilización dos espazos construídos en Santa Clara para o Museo de Pontevedra». 

O alcalde lembrou que o Museo ten unha enorme cantidade de fondos que por falta de espazo non poden ser achegados á cidadanía, amais dos continuos achados que van aparecendo e son incorporados á entidade para o seu estudo e catalogación, e posterior exposición. «Este protocolo recolle as ideas básicas para posibilitar o estudo que poña en valor eses fondos, e que perante a posibilidade de comprar Santa Clara viuse modificado, xa que a intención inicial era construír unha edificación en Valdedorvos».

Se os estudios a realizar aportasen unha valoración positiva do lugar para ser destinado a usos museísticos, o novo espazo do Museo quedaría moito máis preto das instalacións principais, mesmo xerando un espazo enorme, case continuo, que xa conta con 20.000 metros cadrados, aproximadamente, e lograría unha ampliación de enorme valor, permitindo que chegase até os 30.000 metros cadrados, posiblemente. «Estamos falando de que o que nos consideramos o museo nacional de Galiza pode que chegue a competir con ser un dos museos máis importantes do Estado español. Só podemos agradecerlle á Deputación a súa disposición de estudar en profundidade esta opción e a investir os cartos necesarios para poñer en valor o Museo do que todos nos seguimos orgullosos», sinalou o alcalde da cidade.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa felicidade plena deste primeiro cordo. «Préstame compartir as alegrías e hoxe é un día de inmensa alegría», comentou. «É unha alegría para Pontevedra, pero tamén para todo o conxunto da provincia e, máis aló, é un día de alegría para Galicia, pois o Museo de Pontevedra é o museo provincial máis importante da comunidade. Non hai nada como este museo, nin nada co que se lle poda comparar, pois aí reside toda a nosa historia. Estou convencida de que todo o mundo está contentísimo, aquí e en calquera lugar».

WhatsApp Image 2021 12 14 at 11.53.28
Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores asinan o protocolo.

Silva sinalou que a sinatura do protocolo non debería sorprender a ningunha parte por mor da relación simbiótica que se leva xestando ao longo dos últimos anos entre o Concello e a Deputación, dun xeito «leal» e «polo ben da cidade e polo conxunto da provincia». «O Concello fixo un extraordinario esforzo para incorporar Santa Clara como un ben público do que agora é propietaria toda a cidadanía. Desde o inicio das conversas o vicepresidente da Deputación comezou un traballo intenso para ver a posibilidade de que o Museo puidese ser ampliado neste espazo. Xa é algo comentado, non é nada novo que contemos hoxe ou por primeira vez aquí. Hoxe asinamos un protocolo que é mostra do bo facer entre dúas administracións para pensar en incorporar o recinto conventual e o templo de Santa Clara ao Museo de Pontevedra, a través dun estudo arqueolóxico e histórico, é dicir, a través da obtención dos datos científicos que avalíen esta posibilidade», declarou a presidenta.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, comentou que ningunha das obras de rehabilitación realizadas ao longo das últimas décadas, como a do Pazo da Pedreira, o Pitillo, lle parecen «tan importante e tan complexa» como a que se deberá realizar en Santa Clara. «Hai que pensar que Santa Clara xa é en si mesma unha peza de museo, é visitable. Esa idea é doado tela, mais agora hai que entrar alí e estudar se pode ser parte do Museo. Eu estou convencido ao 95 % de que vai ser útil, pero temos que facer ese estudo e levalo adiante», explicou Mosquera.

«A presidenta comentou que todo o mundo se alegra, pero eu sei que hai xente que se amarga con novas como esta», indicou o vicepresidente. «Que o Museo, por funcionalidade, amplíe as súas instalacións na cidade e non noutros puntos da provincia, que podería ser imaxinado, é bo para a cidade, fai cidade. O Concello sempre apoiará e colaborará con todo aquilo que faga cidade; é a nosa responsabilidade e estaremos moi orgullosos de facelo. Esta é unha xestión na que temos que felicitarnos todos, pois sobran exemplos de edificios que están anos e anos abandonados, sen que se faga nada con eles, e aquí, desde o primeiro momento se estivo a traballar para que, coa maior celeridade posible, Santa Clara poida ter un bo uso. A cidadanía xa en breve poderá acceder a través das xornadas de portas abertas e das visitas guiadas a este novo espazo; nós quedamos comprometidos a facer todos os esforzos para que todo o lugar quede rehabilitado e poida ter novos usos no menor tempo posíbel».