A San Silvestre de Pontevedra regresa na súa versión máis silvestre ao desprazar o seu circuíto do centro da cidade á Xunqueira de Alba

874
  • A tradicional carreira de fin de ano organizada pola Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes abrirá esta medianoite o prazo de inscricións a través do sitio www.sgpontevedra.com
  • Esta XXXVIII edición do evento desenvolverase a partir das 10:30 horas do 31 de decembro con saídas de grupos de 150 persoas cada 20 minutos, ata un máximo de 2.550 participantes

Trala insólita e positiva experiencia da ‘Rara, pero San Silvestre’ de 2020, a tradicional Carreira San Silvestre regresa este Fin de Ano máis silvestre que nunca, cun percorrido que se despraza das rúas do centro urbano ao contorno campestre da Xunqueira de Alba. Por segundo ano consecutivo, a Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde logran superarse e sobrepoñerse ás dificultades, organizando o grande evento deportivo do Nadal na nosa cidade en plena pandemia, nunha versión que nada ten que ver coa separación xeográfica dos percorridos da estrana edición pasada e que, ao tempo que segue a priorizar a seguridade e a saúde dos pontevedreses, achégase de novo ao seu formato orixinal.

Así, a ‘clásica’ do 31 de decembro, que foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto protagonizado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta da Ximnástica, Charo Castro, e o director deportivo da proba, Víctor Riobó, desenvolverase nun circuíto duns 2.900 metros completamente pechado ao tráfico, alonxado do casco urbano, polos camiños da Xunqueira, evitando as aglomeracións de público. Ademais, as saídas serán divididas en diferentes horarios e estableceuse un número reducido de persoas por grupo: serán saídas consecutivas de 150 persoas cada 20 minutos, sendo a primeira ás 10:30 horas e a última ás 17:40 horas, cun máximo de 2.550 participantes.

“Da ‘Rara, pero San Silvestre’ pasamos neste 2021 á ‘San Silvestre máis Silvestre’, menos rara que a anterior, pero xa lle chega! O percorrido pola Xunqueira de Alba lévanos a un ambiente máis natural e campestre, algo que se reflicte no logotipo da bolboreta escollido para esta XXXVIII edición da carreira. O colorido do insecto lémbranos a esencia festiva que trae consigo tódolos anos a San Silvestre de Pontevedra, que non queremos que se perda nunca, e polo tanto agardamos que os corredores enchan esta nova localización de ruído, música, festa e cor”, asegurou o concelleiro Tino Fernández.

A Sociedade Ximnástica e o Concello abrirán a partir desta medianoite, e ata as 23:59 horas do 26 de decembro, o prazo de inscricións para participar na carreira, que poderán tramitarse a través da páxina web www.sgpontevedra.com. Cada persoa poderá escoller a hora na que quere saír, sendo posible compartir este horario con outros inscritos, no caso de que queiran participar en grupo (os horarios deberán cumprirse de xeito rigoroso). Os participantes menores de idade terán que inscribirse a cargo dos seus titores/as legais, que terán que estar pendentes deles durante toda a proba.

Camiseta para os que colaboren co Banco de Alimentos

A recollida de dorsais realizarase na Casa da Luz (Praza da Verdura) entre o luns 27 e o xoves 30 de decembro, en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas. No momento de recollida dos dorsais entregarase unha camiseta conmemorativa da San Silvestre a todos aqueles que acheguen un mínimo dun kilogramo de alimentos non perecedoiros (preferentemente leite, aceite…), que se farán chegar ao Banco de Alimentos de Pontevedra coa finalidade de que os distribúa entre as entidades que o precisen. Asemade, tamén se agradecerá a aportación dun euro voluntario para axudar en todo o traballo sen ánimo de lucro que leva a cabo a Sociedade Ximnástica a prol do deporte pontevedrés.

Cada participante terá que portar o seu dorsal de xeito visible en todo momento (mesmo no caso de ir disfrazado deberá poder verse), non podendo cambiar en ningún momento nin o dorsal nin o horario de participación. As horas previstas para as saídas son as seguintes: pola mañá, 10:30, 10:50, 11:10, 12:10, 12:30, 12:50, 13:10, 13:30 e 13:50 horas; e pola tarde, 16:00, 16:20, 16:40, 17:00, 17:20 e 17:40 horas. Durante todo o transcurso da carreira será obrigatorio participar coa máscara ben posta, tapando nariz e boca.

Aínda que, ao igual que o ano pasado, non haberá premios como tal para os primeiros clasificados (na edición de 2020 organizáronse sorteos entre tódolos participantes), tamén neste eido achegarase a San Silvestre deste ano ao seu formato orixinal, entregándose lacóns de Supermercados Froiz ao home e muller de máis idade e ao neno e nena de menos idade que tomen parte no evento, así como ao mellor disfrace. Ao rematar a carreira, Panaderías A’Devesa agasallará con chocolate a tódolos participantes e Supermercados Froiz encargarase da súa hidratación.

Charo Castro animou “a tódolos pontevedreses a poñer as zapatillas de deportes e a colaborar e participar nesta San Silvestre que, aínda que polas condicións volverá ser un tanto especial, converterase outra vez nunha festa”, nun evento solidario e cun final de carreira que se celebrará “cunha chocolatada”.

Tino Fernández lembrou que “o ano pasado decidimos que tiñamos que seguir sacando adiante esta San Silvestre, xa que é un emblema da nosa cidade, cun compoñente lúdico moi singular, e se tomamos como referencia a poboación de Pontevedra, probablemente das máis numerosas de España, e sen dúbida das máis alegres, variopintas e solidarias”. “Este ano, coa mellora da situación pandémica, se ben non podemos recuperar o formato orixinal, si que nos achegamos un pouco máis a el. Eliximos un circuíto fermoso, vistoso e fácil de facer… Tan fácil de facer que ata este concelleiro se vai animar cando menos a empezalo. Non sei se a rematalo”, anunciou o tenente de alcalde.

Pola súa banda, Víctor Riobó salientou que as dificultades para garantir a seguridade na multitudinaria saída clásica en Montero Ríos levaron a “decidirnos por irnos á Xunqueira de Alba e organizar 17 saídas de 150 persoas cada unha”, que se converterán “en 17 minifestas” grazas á implicación dos clubs da cidade. “En 2019 acadamos ese récord histórico de 7.000 participantes -apuntou o director deportivo da carreira-, conseguindo que cando entraban os primeiros saíran os últimos e que as rúas se transformasen nunha gran festa e manifestación de ledicia. Calquera cidadán de Pontevedra e dos arredores está desexando que regrese esa gran festa”.