A empresa Juegos Kompan é a proposta para crear o novo parque de calistenia e actividade física saudable da Illa das Esculturas: custará 97.707,50 euros e executarase en sete semanas

76

O Concello de Pontevedra vén de celebrar a mesa de contratación para o subministro e instalación do novo parque de calistenia e actividade física saudable ao aire libre da Illa das Esculturas, na que se realizou unha proposta de adxudicación á empresa Juegos Kompan. A oferta económica efectuada por esta firma especializada foi de 97.707,50 euros (IVE engadido), o que supón unha baixa de 5.142,50 euros sobre o orzamento de licitación (102.850 €), é dicir, dun 5%.

Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, á hora de outorgarlle a Kompan esta intervención tamén se valorou “o seu compromiso de ampliación de garantía en 15 anos, ofertando un total de 17 anos de garantía, e a disminución do prazo de execución da, que inicialmente era de 15 semanas e que se reduciu en 8, quedando así en só 7 semanas”. “O único chanzo administrativo que queda por diante -apunta o edil do PSOE- é levar a proposta a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación, polo que agardamos que tódolos pontevedreses poidamos estar desfrutando desta demandada infraestrutura deportiva antes da primavera de 2022”.


O novo parque de calistenia da Illa das Esculturas traducirase na instalación dun moderno equipamento de actividade física saudable ao aire libre nas inmediacións da pasarela peonil (na entrada á zona verde a través do Paseo de Rafael Areses), nunha área de terra compactada estabilizada cunha capa de cemento cunhas dimensións aproximadas de 300 metros cadrados.


A infraestrutura deportiva permitirá complementar as actividades aeróbicas que se poden desenvolver actualmente neste espazo con outras de mantemento e incremento da forza xeral e específica dos grandes grupos musculares, incidindo así na mellora da calidade de vida da poboación en xeral. Entre as actividades que se poderán practicar no novo parque inclúense exercicios de calistenia, parkour, workstreet, HIIT (High Intensity Interval Training), cross training, bootcamp, traballo de forza, mobilidade articular e cardio.


Dotarase ao parque de equipamento especializado para desenvolver actividade física ao aire libre que combine traballos funcionais de forza co propio corpo (tradicionalmente coñecidos como traballos calisténicos) con exercicios de forza dirixida por elementos deseñados para grandes grupos musculares, así como doutros complementarios de uso individual. Estará deseñado para unha práctica deportiva inclusiva, posibilitando o uso de persoas con mobilidade reducida, e terá un carácter polivalente, tanto no que se refire ao tipo de actividade física a realizar como no que atinxe aos rangos de idade, abranguendo as necesidades da xente moza, apaixonada por modalidades tan de moda como a calistenia, o parkour, o workstreet, o adestramento interválico de alta intensidade, o cross training ou o bootcamp, como as das persoas maiores, que buscan mellorar a súa calidade de vida con traballo de forza xeral e específica e mobilidade articular.

Tino Fernández lembra que “o da Illa das Esculturas será o primeiro dos dous parques de actividade física saudable que o Concello ten previsto executar na cidade, xa que tamén plantexamos a construción doutro que ocupará unha superficie de entre 100 e 150 metros cadrados no barrio de Mollabao”.