Pontevedra considerará toda a cidade zona de baixas emisións

340

O Goberno Local descarta poñer en marcha peaxes por acceder ás zonas urbanas ou prohibir a entrada a vehículos diésel matriculados antes de 2014 ou gasolina matriculados antes de 2006.

Esta medida é de obrigada aplicación antes de xaneiro de 2023 en virtude da Lei de cambio climático do Ministerio de Transición ecolóxica e desenvolta a través das Directrices para a creación de baixas emisións.

O Concello traballa na aplicación en Pontevedra das Directrices para a creación de zonas de baixas emisións que desenvolve a Lei para o cambio climático, e que debera estar en marcha antes do 1 de Xaneiro de 2023. 

O concelleiro responsable da Mobilidade xeral do Concello, César Mosquera explicou esta mañá que Pontevedra rexeita dúas das fórmulas que recollen as directrices: prohibición de circulación de determinados vehículos ou o pago de peaxes urbanas, e opta por a terceira vía que contempla a norma: considerar toda a cidade zona de baixas emisións que obrigará a ir axustando a retirada de tráfico de aquelas zonas da cidade que o soporten mal.

Mosquera indicou que o Concello é contrario a crear unha área específica de baixas emisións dentro da cidade, xa que implicaría moitas restriccións no seu interior e a posibilidade de contaminar fóra dela. Vai totalmente en contra do modelo de cidade e crearía discriminacións entre condutores que dispoñan dun vehículo novo e os que non o teñan.

O concelleiro de Mobilidade xeral explicou que o pasado 19 de novembro, o Ministerio de transición ecolóxica en colaboración coa FEMP, publicou as Directrices para a creación de zonas de baixas emisións nas cidades de máis de 50.000 habitantes.

A obriga para os concellos é ter redactado un PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) que inclúa a zona de baixas emisións antes do 1 de xaneiro de 2023. Tamén advirte a norma da aplicación de certas sancións no caso de incumplimento como non poder acceder aos fondos europeos como os Next Generation.

As fórmulas para crear esas zonas de baixas emisións son:

  • A prohibición de circular, estacionar e entrar en certas zonas da cidade a certos vehículos sen distintivo ambiental. Isto significa que os vehículos diesel matriculados antes de 2014, os de gasolina antes de 2026, e as furgonetas de antes do 2014 non poderían entrar.
  • O pago de peaxes urbanas.

O Concello de Pontevedra mantivo diversos encontros co Ministerio para tratar de habilitar unha terceira vía: reducir os tráficos, as emisións e recuperar o espazo público. “Trátase dunha vía máis ambiciosa que o mero feito de quitar o tráfico”, explicou Mosquera. Esta terceira opción está agora recollida nas directrices.

César Mosquera explico que o Concello de Pontevedra sempre foi partidario de que “circular pola cidade é para quen o necesite, non para quen poida pagalo” por iso o Goberno Local sempre se opuxo a adoptar medidas traumáticas ou discriminatorias con persoas que non se poidan comprar un coche novo ou non poidan pagar por acceder.

O concelleiro adiantou esta mañá que Pontevedra seguirá esta liña: “seguir avanzando en quitar o tráfico nas zonas que o soportan mal, mantendo sempre os tráficos de servizo”. Aplicaranse “naquelas zonas que se vaian detectando”, e puxo como exemplo a sobrecarga de circulación entre a Ponte da Barca e Eduardo Pondal “que non é aceptable nas proximidades dun ambulatorio sanitario. Se cadra hai que tomar outras medidas complementarias”.

Tamén adiantou que o Goberno Local non é partidario de definir unha zona de baixas emisións, “queremos que sexa toda a cidade”, pero coa aplicación de medidas correctoras como as que explicaba. 

Indicou que en Pontevedra existen as vías de “circunvalación” PO-10 e PO-11 para os conductores que non teñen que circular necesariamente por María Victoria Moreno e Eduardo Pondal. “Pero como conseguimos que vaian para alá?” Indicaba Mosquera, “pois para iso teremos que adoptar medidas como cambios de dirección, por exemplo, porque non somos partidarios de sistemas de control, pero si temos que usalos, usarémolos”.