Asfaltado de Mestre Soutullo, Castañal e Gaiteiro de Soutelo para complementar a reforma urbana do Castañal

22

Realizarase a partir de mañá ás 15.00 horas e rematará o sábado ás 19.00 horas. Estará prohibido o tráfico nestas tres rúas durante a xornada de traballo, e abriranse ao remate do día.

A reforma urbana que o departamento de Obras realiza no barrio do Castañal, compleméntase a partir de mañá cos asfaltados programados nas rúas Mestre Soutullo, Castañal e Gaiteiro de Soutelo incluídas dentro da planificación anual da carteira de mantemento e sostemento do espazo público que xestiona a concelleira Eva Vilaverde. Os traballos comenzarán mañá ás 15.00 horas e rematarán o sábado, 11 de decembro, ás 19.00 horas, aínda que esta planificación horaria poderá ampliarse segundo as necesidades da obra.

Consistirán no fresado e asfaltado das rúas para facer a reparación do firme que xa esgotou a súa vida útil. 

A planificación de tráfico proposta pola Policía Local é limitar o estacionamenton a rúa Faustino Santalices, e prohibir a circulación polas rúas a asfaltar: Mestre Soutullo, Castañal e Gaiteiro de Soutelo, mentres duren os traballos durante o día. Unha vez que se remate a xornada laboral, volverán a abrirse ao tráfico, para volver a pechar ao día seguinte.

A substitución do firme destas rúas vén a complementar as obras de reforma urbana que o departamento de Obras que xestiona Demetrio Gómez está a realizar no barrio do Castañal, en concreto nas rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo (unha parte), Ramón Cabanillas e a praza das Regas. 

A reforma urbana nestas rúas implica a renovación da pavimentación e de beirarrúas en varios puntos, de todos os servizos, nova iluminación, mobiliario urbano e plantación de árbores en algúns dos treitos.

A rehabilitación dunha  parte do Castañal está incluído dentro do gran proxecto de reforma da rúa Loureiro Crespo, que ten un custe superior aos 3,3 millóns de euros.