A Concellería de Benestar Social sumarase este venres á tradicional ‘paraugada’ polo Día Mundial da Discapacidade e iluminará con luz de cor verde o Consistorio na tarde/noite do 3 ao 4 de decembro

10

A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, sumarase este venres 3 de decembro pola mañá, ás 12:00 horas, á xa tradicional ‘paraugada’ coa que se conmemorará na Praza de España o Día Mundial das Persoas con Discapacidade e á que está prevista a asistencia de entre 40 e 50 persoas (sempre que a situación sanitaria o permita), cunha representación de usuarios de Amencer-Aspace (de atención á parálise cerebral e afíns), Juan XXIII, Down-Xuntos, Amizade (Asociación de Persoas con Discapacidade), Xoga (Asociación de Diversidade Sensorial de Galicia), Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (Asseii) e Aspace-Galicia. Asemade, o departamento que dirixe Rey tamén alumeará a Casa Consistorial con luz de cor verde na tarde/noite do 3 ao 4 de decembro para darlle visibilidade a esta xornada reivindicativa, ao tempo que achegará unha intérprete de lingua de signos a través do servizo municipal Comunico para ‘signar’ a lectura do manifesto a cargo de representantes dos distintos colectivos.


Estes actos conmemorativos, celebrados baixo o lema ‘Baixo o mesmo paraugas’, tamén terán o seu eco a través das redes sociais, xa que, como sinala Marcos Rey, “convidamos a todo o mundo a participar do Día Mundial das Persoas con Discapacidade facéndose unha fotografía abrindo un paraugas, súbindoa ás súas redes cunha mensaxe positiva e cos hashtag #ParaugasPolaDiscapacidade e #BaixoOMesmoParaugas e etiquitando aos seus amigos e a @galiciadiversa para estender a cadea”.