O proxecto para axardinar e dotar dunha pista polideportiva o parque da Praza de Europa recibe este luns luz verde da Xunta de Goberno

263

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural levará o luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación o expediente de contratación da obra que permitirá axardinar e dotar dunha pista polideportiva a zona do parque da Praza de Europa que dá cara a rúa Bélxica Interior. A intervención, que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros e que estará executada nos primeiros meses de 2022 (ten un prazo de execución de dous meses desde o seu inicio), servirá de colofón ao conxunto de obras de mellora paisaxística, da accesibilidade e da capacidade de acollida que o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes leva realizando neste espazo do barrio de Monte Porreiro desde o inicio do mandato, incluíndo a remodelación de toda a área de lecer infantil e a instalación dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude.


O novo equipamento multideportivo permitirá a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán, xerando un contorno para a práctica deportiva nun contexto de comunidade semellante ao do parque infantil próximo. Entre os obxectivos contemplados na formulación deste proxecto inclúense os de mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería; xerar un espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; optimizar a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e incrementar a capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación.


O proxecto prevé a creación dunha pista multideporte de fútbol e baloncesto con peche perimetral, pensada para xogos de pelota en xeral e formada por unha combinación de dúas porterías e dúas canastras, esquinas cadradas, entradas polos dous laterais, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura, estruturas cubertas de capa anti graffiti e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos. En base ao proxecto deseñado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, os pavimentos da nova zona deportiva e do seu contorno formularanse conforme ás seguintes pautas: as superficies serán con lixeira pendente, sen que se formen charcos e con pendente do 1% ao 2% cara os sumidoiros de recollida de augas e empregarase base de zahorras artificiais estendidas e compactadas, así como formigón armado.


Papeleiras e un punto de recarga con catro tomas de USB

Entre as melloras contempladas tamén se propón a subministración de instalación de dúas papeleiras e dun punto de recarga con catro tomas de USB de 2,1A e 5V (con dobre soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’) a carón da pista de xogos multideporte. Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…).


Tamén se realizará unha mellora da iluminación da pista deportiva mediante a colocación de luminarias LED, que serán resistentes ás condicións de espazos abertos e que permitan a utilización nocturna dos novos equipamentos multideporte. Desde o punto de vista do confort, apréciase un déficit de sombra no contorno da pista deportiva, así como de toda a zona de estancia máis próxima á rúa Bélxica.


Coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra formúlase unha proposta de plantación de arborado nas pezas de xardín, nas que se incorporarán especies coherentes coas existentes. Logo da eliminación da liña de alta tensión que condicionaba o porte arbóreo deste parque, a Concellería de Desenvolvemento Sostible apostará por especies arbóreas de maior porte co obxectivo de mellorar o sombreado da contorna do parque e da área de xogos infantís, así como dos bancos de madeira. 


Por outra banda, contémplase a reposición de árbores nas aliñacións dos paseos de formigón que rodean o parque e distribúen as circulacións peonís cara as rúas e edificacións do contorno. A incorporación dun estrato arbustivo neste parque é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo. 
O mobiliario cumprirá coas axeitadas especificacións dende o punto de vista da funcionalidade, confort para os usuarios e integración paisaxística no contorno, e instalarase un sistema de rega automatizado dotado de estacións reguladas por electroválvulas e un programador central.