A Praza de Galicia estrea novo aspecto após a finalización da instalación da sinalética actualizada do Bus Urbano

52
O Concello explica que agora comezará unha revisión de todas as liñas, perante a idea de realizar melloras no caso de detectar deficiencias nalgún punto ou elemento

O Concello de Pontevedra completou esta mañá a instalación da nova sinalética do Bus Urbano de Pontevedra, destinada a aportarlle toda a información necesaria para o seu uso á veciñanza da Boa Vila. O derradeiro paso para este remate foi o da instalación na Praza de Galicia dunha serie de paneis informativos, de gran tamaño, que amosan con exactitude e dun xeito amable horarios, prezos e percorridos.

«Aquí aparece toda a información de todas as liñas, máis o prezo dos billetes máis os lugares onde pode ser obtida a tarxeta, pois este é considerado un dos puntos centrais para as liñas de transporte, sendo a estación máis grande e máis céntrica en Pontevedra», explicou Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade, en referencia a instalación dos novos paneis nesta parada. «Fíxemos un esforzo especial tendo en conta a importancia desta parada, polo que foron destinados preto de 7.000 euros para a instalación desta sinalética».

O edil comentou que a partir deste intre, no que queda completada a sinalización do Bus Urbano, o Concello realizará unha revisión a fondo de todo o sistema de paradas por «se algunha cousa quedou atrás», para logo dirixirse á Xunta de Galicia e tentar chegar a un acordo entre as dúas Administracións para crear unha sinalización conxunta nas paradas que o Bus Urbano non utiliza na cidade, e así procurar unha estética uniforme para que os veciños teñan un mesmo sistema de información en todas elas ou,ao menos, moi parecido.

Gómez tamén explicou que xa recibiron diversas felicitacións pola renovada sinalética, mesmo de empresas técnicas de fóra de Pontevedra, perante a dificultade que soen mostrar este tipo de traballos, con moita información en moi pouco espazo. A empresa encargada deste deseño foi ERA Comunicación, pontevedresa, e foi o nome encargado de superar esta reto informativo e estético.