O Concello confirma a recepción da solicitude para a licenza de construción da futura residencia pública

75
O edificio contará cunha superficie total construída de algo máis de 9.200 metros cadrados
En total, o xeriátrico contará con 120 prazas, distribuídas en 42 cuartos dobres e 36 cuartos individuais

A Fundación Amancio Ortega vén de solicitar a licenza para o xeriátrico que construirá na parcela cedida polo Concello de Pontevedra, situada no anel da Eiriña. 

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, lembrou que esta será unha residencia de maiores de 120 prazas, distribuída en 42 cuartos dobres e 36 cuartos individuais. A parcela da Unidade 18 conta con preto de 5.000 metros cadrados —segundo o estudo topográfico realizado polo Concello, 5.120,80 metros cadrados, algo superior ao indicado polo Catastro—. 

«Hai unha característica desta parcela que si inflúe no deseño do proxecto, que é a diferencia de cota de catro metros que hai entre a rúa 12 de novembro e a rúa Poza dos Canos», explicou o concelleiro de Urbanismo. «O edificio non ocupa toda a parcela; ocupa en planta baixa 3.247 metros cadrados, polo que quedan case 2.000 de zonas libres. A superficie total construída e de 9.285,02 metros cadrados».

Ten catro plantas, mais o deseño arquitectónico que impón a diferencia de cota fai que segundo a rúa, os camiñantes poidan ver tres alturas ou catro (baixo + tres). 

Desde o Concello confirmouse polo tanto a entrada en rexistro deste proxecto con toda a documentación requirida e agora os servizo técnicos realizarán o informe correspondente e comprobar que toda a documentación está axustada á legalidade. «Semella un volume sobrio, de liñas moi limpas», sinalou Moreda. «Está distribuído en tres volumes, o que fan que pasen máis desapercibidos eses 9.000 metros que compoñen toda a estrutura, aínda que é un volume considerable, claro».

Segundo os datos ofrecidos no seu día pola Fundación Amancio Ortega, a construción deste proxecto terá un orzamento de doce millóns de euros que procederán de xeito íntegro dos seus fondos, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia.