A concelleira Yoya Blanco anima ao comercio local a mergullarse de cheo na ilusión das festas cun Concurso de Escaparates de Nadal

224
  • O certame organizado pola Concellería de Promoción Económica establece premios de 1.500, 1.000 e 500 euros e o sorteo de 10 vales de 50 euros entre os cidadáns que voten en redes
  • Os establecementos comerciais que desexen participar deberán inscribirse antes do 15 de decembro na dirección de correo electrónico escaparatesconcellopontevedra@gmail.com 

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, quere animar ao comercio local de Pontevedra a mergullarse de cheo na ilusión das festas coa convocatoria dun Concurso de Escaparates de Nadal con premios de 1.500, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados e o sorteo de vales de 50 euros entre os cidadáns que elixan os seus decorados favoritos votando nas redes sociais. Con esta iniciativa, impulsada a través da plataforma #PonteLovers en colaboración coa firma Pontevedra Digital, preténdese dinamizar a actividade comercial nestas datas tan especiais e implicar aos establecementos da cidade na confección de propostas orixinais e creativas que enchan de maxia as nosas rúas.

“Con este certame queremos animar á veciñanza e aos turistas a realizar as súas compras no comercio de proximidade e promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates e produtos, contribuíndo á reactivación económica de cara á importantísima campaña de Nadal”, asegura Yoya Blanco. As bases do concurso establecen que poderán participar nel tódolos establecementos minoristas comerciais e negocios de servizos radicados no concello de Pontevedra, con escaparates visibles desde a vía pública, sen limitación de número e sen distinción algunha por razón da súa actividade ou titular. No caso de que unha mesma persoa propietaria desexe participar con máis dun establecemento, deberá presentar unha solicitude por cada un dos diferentes escaparates que opten aos premios.

Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, “o único requisito será desenvolver decorados coa temática do Nadal, con total liberdade en canto á súa interpretación, deseño, técnica e estilo”. “Á hora de valoralos teranse en conta aspectos como a integración dos produtos á venda; a composición do escaparate e a súa adaptación á temática do Nadal; a harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e o emprego prioritario de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais; a interacción co público; a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción, e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final”. 

Os establecementos comerciais interesados en participar deberán presentar obrigatoriamente a solicitude por medios electrónicos antes das 15:00 horas do mércores 15 de decembro a través do correo electrónico escaparatesconcellopontevedra@gmail.com, precisando o nome do titular, o nome do establecemento, un medio de contacto e unha memoria explicativa do concepto de escaparate, así como das técnicas ou materiais utilizados na súa execución (acompañada de fotografía se a tivesen). 

Os participantes comprometeranse a manter os escaparates decorados e visibles ao público ata o 6 de xaneiro de 2022 e tamén a manter os establecementos iluminados e nas condicións que permitan que o xurado poida visualizar claramente os escaparates. Aos comercios inscritos neste concurso de escaparatismo de Nadal faráselles entrega dun logotipo de identificación, que colocarán obrigatoriamente e que deberá ser ben visible desde o exterior do escaparate.

‘Vota o teu Favorito’ na web e as redes de Concello e #PonteLovers

Segundo apunta Yoya Blanco, neste certame “establécense dúas categorías de premios: por unha banda, os outorgados por un xurado que eu mesma presidirei sen voto e que estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio nas áreas do deseño, o márketing, a promoción comercial, o escaparatismo, a fotografía ou o deseño de interiores; e pola outra, os premios do público, concedidos mediante votación cidadá a través do enlace ‘Vota o teu Favorito’ de Easypromos, que se difundirá na web do Concello de Pontevedra (Pontevedra.gal) e nas súas redes, así como nas da plataforma #PonteLovers”. 

“O xurado valorará cunha puntuación de 0 a 10 cada un dos aspectos esenciais que figuran nas bases deste Concurso de Escaparates de Nadal, cun primeiro premio dotado de 1.500 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 500. Así mesmo, os cidadáns que se animen a votar por internet entrarán nun sorteo de 10 vales de 50 euros para gastar en produtos e servizos dos comercios participantes no concurso”, sinala a concelleira socialista.

De entre tódolos escaparates presentados, os membros do xurado realizarán unha selección de 10 finalistas entre os días 16 e o 26 de decembro, da que se decidirán os 3 escaparates premiados unha vez sumada a votación online. Os membros do xurado resérvanse a opción de visitar individualmente os escaparates finalistas en calquera momento desde o inicio da campaña. A cidadanía poderá efectuar as súas votacións sobre os 10 finalistas entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro.

Os gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal 2021 e os premios obtidos polos votantes daranse a coñecer o 7 de xaneiro 2022 mediante a súa publicación na páxina web do Concello de Pontevedra.

Os interesados nesta iniciativa poderán obter máis información chamando aos números de teléfono 630 650 415 (Marga) e 617 742 528 (Marisa).