Os artistas urbanos O’Ras, Pow, Asten, Ozono, Sax e Santi Paredes embelecen ós accesos á Praza de Abastos coa intervención ‘O Mercado en Graffiti’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo

140

Embelecer e poñer en valor os accesos á Praza de Abastos de Pontevedra no horario no que os negocios da planta baixa baixan as súas verxas e permanecen pechados son os principais obxectivos do proxecto ‘O Mercado en Graffiti’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo. A iniciativa, na que o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco investirá 10.720 euros, estase a desenvolver en colaboración dos recoñecidos artistas urbanos O’Ras, Pow, Asten, Ozono, Sax e Santi Paredes, cuxas intervencións que versan sobre as temáticas vencelladas ás profesións tradicionais do Mercado e inspiradas nos produtos e servizos concretos ofertados polos diferentes postos e comercios (o mar, a terra, a nosa gastronomía, a elaboración de pan, tecidos, xoias, reloxos, prensa…). 


Yoya Blanco explica que “esta intervención nas reixas da Praza de Abastos busca que este edificio resulte atractivo en todo o momento, haxa máis ou menos actividade no seu interior”. “Os postos e negocios da planta baixa teñen un horario de actividade diferente aos do Gastroespazo, e cando están pechados, esa visión gris das verxas baixadas pode dar a idea de que todo o Mercado está pechado. A presenza destes graffitis convidará a clientes e visitantes a achegarse e a manter as portas da Praza abertas de par en par, tamén cando só os negocios do primeiro andar están abertos”, subliña a edil do PSOE.


Blanco sinala que, se ben este conxunto de intervencións artísticas estará totalmente rematado nos vindeiros días, “o resultado dos primeiros traballos xa lle logrou mudar a faciana ao Mercado, que amosa o seu mellor sorriso”.