O Ganapán máis larpeiro regresa esta fin de semana con talleres de elaboración de marmelada de mazá, galletas con forma de dominó e bonecos-caixa para lambetadas

15

O programa municipal O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), regresará esta fin de semana ao primeiro andar do Mercado de Abastos na súa versión máis larpeira. Para abrir boca, a iniciativa de lecer infantil do Concello ten organizados para o sábado 20 de novembro un taller de elaboración de marmelada caseira de mazá (aproveitando que estamos en tempada) e outro no que, coa finalidade de festexar coa cativada que se achega o Día Universal da Infancia, os nenos e nenas poderán confeccionar un boneco-caixa para gardar lambetadas, doces e caramelos.


A proposta gastronómica continuará o domingo 21 de novembro no Espazo Gastro cun obradoiro no que os pequenos terán ocasión de cociñar unhas deliciosas galletas con forma de dominó, que ademais de estar boísimas tamén servirán para xogar con elas. Para esta mesma xornada, está previsto ademais, dentro do Espazo Crea, un taller moi outonal no que, cun chisco de maña e un pouco de imaxinación, os rapaces participantes crearán unhas cuncas moi xeitosas, únicas e personalizadas para decorar calquera espazo dos seus fogares.


A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, lembra que “estas actividades están destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos e que os talleres se desenvolverán en dúas quendas, ás 11:00 e ás 12:30 horas”. “É necesario inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración dos obradoiros. Recomendo encarecidamente a tódolos rapaces que asistan que porten a súa friameira para poder levar ás súas casas as receitas que elaboren”, sinala a edil do PSOE.