Pontevedra sumarase o vindeiro 30 de novembro á conmemoración do Día Internacional das Cidades Educadoras, para a que está prevista unha nova charla do programa ‘Saúde, alimentación e actividade física’ no CEIP Vilaverde-Mourente

62

Pontevedra sumarase o vindeiro 30 de novembro á conmemoración do Día Internacional das Cidades Educadoras, que este ano se celebra baixo o lema ‘A cidade educadora non deixa a ninguén atrás’ (https://www.edcities.org/dia-internacional-2021/lema/). Entre as actividades previstas para esa xornada, a Concellería de Educación e Deportes, que dirixe Tino Fernández, organizou unha nova charla de xogadores e corpo técnico da SD Teucro, dentro do programa municipal ‘Saúde, alimentación e actividade física’, con dous grupos de 23 e 25 alumnos de 3º curso do CEIP Vilaverde-Mourente.


O Día Internacional das Cidades Educadoras celébrase a escala mundial, baixo o impulso da Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE), co obxectivo de que tomemos conciencia da importancia da educación como motor de cambio. Na súa conmemoración teñen participado 279 cidades de 20 países, en 5 continentes.


Tino Fernández incidiu en que “a educación é sen dúbida unha das principais marcas de identidade do modelo de cidade de Pontevedra e se o ano pasado o quixemos conmemorar cun dos seus programas estrela, inaugurando un dos murais de ‘O teu cole na historia’, neste 2021 farémolo con outro, que ten un enorme éxito entre os rapaces, como o de ‘Saúde, alimentación e actividade física’, esencial para o fomento dun estilo de vida saudable”.


Ao igual que en 2020, entre as accións comúns programadas para esta xornada inclúese a difusión dunha declaración elaborada a través dun proceso participativo e  dun vídeo sobre o traballo de inclusión que se realiza nos municipios, logos personalizados para cada cidade e un cartel específico en formato foto para Twitter, Instagram, Facebook e Youtube, así como un vídeo promocional en castelán, catalán, inglés, francés e portugués.


A Asociación Internacional das Cidades Educadoras tamén anima a concellos e centros educativos a facerlles chegar fotografías e/ou vídeos da celebración e a empregar en redes sociais as etiquetas @educatingcities e #EducatingCityDay.


Poden obter máis información sobre este evento, así como o vídeo e cartelería promocional, na páxina web https://www.edcities.org/dia-internacional-2021/.