O ‘filón ocupacional’ e demanda do Servizo de Axuda no Fogar leva a Benestar Social e Idades a poñer en marcha a acción formativa ‘A atención a persoas dentro do SAF’ no mes de decembro, cun compromiso de contratación dun 80% das persoas que participen

20

Tralo éxito do curso realizado a principios de ano, que rematou coa contratación da maioría das alumnas que o completaron, a Concellería de Benestar Social e a empresa Idades, que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), decidiron aproveitar o ‘filón ocupacional’ e a demanda de atención a dependentes para poñer en marcha a acción formativa ‘A atención a persoas dentro do SAF’. Este novo curso dará comezo despois da ponte da Constitución (a partir do 9 de decembro) e será moito máis extenso que o primeiro (de 28 horas), cunha duración total de 140 horas, con formación presencial teórica de 40 horas na Casa Azul e 100 de carácter práctico.


As clases, nas que poderán participar un máximo de 20 alumnos/as, impartiranse dun xeito dinámico e buscando sempre a implicación activa dos asistentes, que deberán inscribirse a través do email formacion@idades.es ou do teléfono 986 854 996 e cumprir cos requisitos de ter máis de 18 anos, carné de conducir e o graduado en ESO. Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “a selección do alumnado realizarase conxuntamente entre a empresa Idades e o Concello de Pontevedra, facéndose un seguimento telefónico das persoas convocadas para o control de asistencia previo á actuación formativa”.


“Dentro deste proxecto formativo, adquire especial importancia a formación práctica. O alumnado -sinala o edil do PSOE- recibirá de forma personalizada a formación no propio ambiente de traballo, coas persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar de Pontevedra, que ademais os achegará á realidade que vive este sector. Irán acompañando en todo momento a auxiliares tituladas que xa traballan con Idades e que teñen capacidade para ensinar, in situ, as tarefas a realizar coas persoas beneficiarias”.


Na organización desta parte práctica, tentarase que o alumnado acuda a domicilios con diversos contextos, desde grandes dependentes que precisan asistencia para a realización de tarefas fundamentais para a vida cotiá ata persoas con especial vulnerabilidade, que requiren atencións noutras tarefas da vida diaria, coma a limpeza do fogar, organización doméstica ou xestións médicas. Unha vez rematada a acción formativa, elaborarase un informe que se realizará en función dos datos obtidos nos cuestionarios de avaliación e satisfacción de cada alumno/a, así como unha memoria final cunha valoración de tódolos datos obtidos tanto cuantitativos como cualitativos, expedíndose a cada participante un certificado de acreditación puntuable na convocatoria de recoñecemento do certificado de profesionalidade.


En opinión de Marcos Rey, “o SAF supón a día de hoxe un filón de ocupación importante ou, dito de outro modo, un xacemento de emprego con alto potencial na xeración de postos de emprego”. “O presente proxecto formativo -apunta o socialista- pretende fomentar o emprego a través dun compromiso de contratación dun 80% do alumnado que participe na acción formativa, que se atope en situación de desemprego e que finalice a mesma cunha cualificación de apto ou apta”.


Un proceso de contratación que será xestionado por Idades, cos seguintes obxectivos: crear emprego preferentemente de persoas xoves, mulleres, parados de longa duración e mulleres maiores de 45 sen titulación recoñecida; ofrecer aos/ás desempregados/as unha formación adecuada relacionada coa atención a persoas dependentes; ealizar unha orientación laboral personalizada que axude á busca de emprego; intermediar no mercado de traballo, coa finalidade de axudar aos/ás alumnos/as a atopar traballo; potenciar a formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, e aportar calidade ao Programa de Servizo de Axuda no Fogar.


Para o concelleiro de Benestar Social, “o SAF amosou  nesta última década unha extraordinaria versatilidade ante un enorme abano de circunstancias, e xa na crise económica do 2009 permitiu a moitas persoas desempregadas atopar un traballo, e a outras reinsertarse laboralmente”. Entre as cuestións que se abordarán nas 40 horas teóricos atópanse:

1. O SAF dentro do sistema para a autonomía e atención á dependencia (6 horas).

2. Características e necesidades das persoas dependentes (6 horas).

3. Aplicación de técnicas de hixiene e aseo a persoas en situación de gran dependencia (6 horas).

4. A comunicación coas persoas dependentes (6 horas).

5. A planificación do traballo nos servizos de axuda no fogar (6 horas).

6. A excelencia como profesional de SAF (10 horas).


A formación impartirase a través de sesións formativas en modalidade presencial. Os/as alumnos/as recibirán a documentación do curso e realizarase un seguimento personalizado no desenvolvemento dos mesmos. Tódolos conceptos que se imparten teñen un sentido práctico, e a finalidade será transmitir a información e que o alumnado comprenda, asimile e interiorice todos os coñecementos adquiridos. As aulas impartiranse de luns a venres e terán unha duración de 4 horas diarias. O horario pecharase en función da dispoñibilidade dos/as alumnos/as, que contarán con titorías presenciai, telefónicas e online.


Marcos Rey está convencido de que o SAF “se ten convertido xa no segundo piar máis importante do noso estado do benestar, trala sanidade, sendo un servizo altamente comprometido cos dereitos das persoas usuarias e moi ben valorado polos beneficiarios e polas súas unidades de convivencia, posto que lles permite unha mellor compatibilidade da vida persoal, familiar e laboral”. Este servizo ten ademais un importantísimo potencial de xeración de emprego, o que choca coas enormes dificultades existentes para a contratación de persoal cualificado.
Na actualidade, gozan do Servizo de Axuda no Fogar no municipio de Pontevedra preto de 200 persoas. Para poder darlles cobertura, Idades conta cun equipo de 116 persoas, das que 33 foron contratadas neste último ano.