A VIII Milla Solidaria Anedia porá este sábado a guinda ao programa de actividades organizado con motivo do Día Mundial da Diabetes

48

As actividades desenvolvidas pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabates de Galicia (Anedia) co gallo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, terán este sábado 13 de novembro o seu colofón coa celebración da VIII Milla Solidaria Anedia, organizada polo colectivo en colaboración coa Concellería de Deportes, o Club Atletismo Rías Baixas e a Federación Galega de Atletismo. A proba, que se desenvolverá nas pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) a partir das 10:30 horas, será transmitida a través das redes sociais (Youtube e Facebook) de Anedia Galicia, en categorías sub 10, sub 12, sub 14, sub 16, sub 18 e Absoluta, masculina e feminina.


O evento, no que haberá agasallos para tódolos participantes (camisetas e mochilas customizadas para a ocasión) e premios para os tres primeiros clasificados (consistentes nunha medalla personalizada e un bidón de aceiro inoxidable, que se entregarán ao final de cada proba) foi presentado esta mañá nas pistas do CGTD nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a responsable de Xente Nova de Anedia, Carolina Blanco; a vogal da Asociación, Charo Lafuente; o presidente do Club Atletismo Rías Baixas, Gonzalo Méndez; o atleta do equipo pontevedrés Jacobo Soler, subcampión nacional; o adestrador Jesús Cortegoso, e a subdirectora do CGTD, María Jesús Lorenzo. Para esta proba, estableceuse un número máximo de 16 atletas por categoría e proba: na Milla, 8 atletas por carreira; e adminitiranse 8 deportistas nas distancias de 500 e 1.000 metros e 4 na Milla, polo ránking de marcas efectuadas en 2020 e 2021, téndose tamén en conta os rexistros en distancias próximas (500, 600, 800 e 1.500 metros).


A competición seguirá o protocolo Covid-19 fixado pola Federación Galega de Atletismo e o do CGTD, coa obrigación de realizar as sesións de quecemento sempre de xeito individual e coa máscara posta e de que a xente se sitúe exclusivamente na grada e na zona de quecemento, non puidendo haber ninguén rodeando a pista. Asemade, a recollida de dorsais só poderá facerse na cámara de chamadas e no horario de acceso de cada proba e a máscara unicamente poderá retirarse no momento de correr (se o atleta o precisa, entregarase unha máscara ao saír da cámara de chamadas e outra na liña de meta).


Segundo asegurou Tino Fernández, “a Milla Solidaria Anedia xa forma parte do calendario anual de probas atléticas de Pontevedra, tendo, ademais do contido deportivo que non se pode esquencer, unha vertente solidaria de recoñecemento do traballo que tódolos días do ano fai Anedia para que a xente con diabetes e as súas familias teñan unha vida moito mellor”. “Nesta Concellería de Deportes estamos empeñados en que nos movamos, en que A Vida é Movernos, e iso significa saír á rúa, volver a encontrarnos, abrazarnos, sorrir e, sobre todo, facer actividade física”, afirmou o edil do PSOE.


Charo Lafuente explicou que “coa organización desta Milla, en Anedia queremos que non existan causas de exclusión de ningunha actividade para os nenos e adolescentes con diabetes, e moito menos para as deportivas”. Tal e como apuntou, “este ano celebramos os 100 anos do descobremento da insulina, que permite que milleiros de persoas sobrevivan a esta enfermidade (fito que se reflicte nas camisetas que se distribuirán entre os participantes)”. “Unha persoa con diabetes tipo 1 -engadiu- pínchase alomenos 2.000 veces ao ano as súas doses de insulina. Este ano, o Día Mundial está adicado á accesibilidade de medios en diabetes, e en Anedia levamos anos loitando para que as persoas con esta enfermidade teñan acceso a medios e tecnoloxía, independentemente do lugar no que vivan”.


Gonzalo Méndez lembrou que as seis primeiras edicións da Milla (ata a chegada da pandemia) celebráronse na avenida de Montero Ríos, “á que agardamos poder regresar en 2022, xa que é moito máis espectacular” neste escenario. O presidente do Club Atletismo Rías Baixas indicou que “temos unha participación enorme en categorías inferiores, Benxamín, Infantil e Alevín, con 350 nenos, nenas e maiores provintes de toda Galicia” e a presenza “dun subcampión de España e internacional como Jacobo Soler, que vai ser a estrela do evento”. “É importantísimo para nós regresar aquí, ao tartán, que os nenos e nenas volvan correr e desfrutar dun deporte tan apaixonante como o atletismo. Todos estamos desexando volver canto antes á normalidade”, sinalou Méndez.


O concelleiro de Benestar Social apuntou que esta Milla Solidaria servirá “para poñer a guinda a un programa de actividades de concienciación no que se inclúe unha charla que terá o xoves pola tarde ás 18:30 horas na Casa das Campás e o despregue, ese mesmo día pola mañá, dunha pancarta reivindicativa no balcón da Casa da Luz”. “O sábado 13 de novembro tamén se instalará unha mesa informativa en colaboración coa Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo), a que asistirei para amosarlle o meu apoio, e o domingo 14, Día Mundial da Diabetes, haberá outra mesa na Praza da Ferrería e unha actuación do coro do IES A Xunqueira II ás 12:00 horas”, avanzou o edil socialista.