Tino Fernández asiste a un dos obradoiros de escalada organizado no marco do proxecto Laboratorio da Infancia, coa participación dunha vintena de alumnos de 6º curso do colexio de Cabanas

    74

    O tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, achegouse esta mañá até o Pavillón Multiúsos da Xunqueira para asistir a un obradoiro de escalada organizado no marco do proxecto Laboratorio da Infancia (actividade financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e no que participaron unha vintena de alumnos de 6º curso do CEIP Cabanas (Salcedo). O taller forma parte dun cronograma de actividades iniciado a principios de mes no que tamén se inclúen unha saída por un treito do Camiño Portugués na parroquia de Tomeza e tres observatorios de aves nas Marismas de Alba, así como outro obradoiro de escalada.


    Os talleres do proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento europeo, están centrados nas materias de educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas, sustentabilidade, economía circular e vida saudable, ofertándose unhas cinco actividades/saídas por colexio. Tal e como sinalou Tino Fernández, “a empresa adxudicataria Marexada xa recolleu unhas 70 solicitudes de centros educativos para participar nas actividades ofertadas para este curso académico 2021/2022, das que 20 xa están pechadas para desenvolver entre os meses de novembro e decembro”.


    O programa de actividades deseñado terá continuidade mañá, mércores 10 de novembro, cun observatorio de aves no que tomarán parte 14 alumnos de 2º curso do CEIP Plurilingüe Froebel entre as 10:50 e as 12:35 horas. Esta primeira quenda de talleres pecharase o xoves 11 de novembro con outro observatorio de aves que realizarán 22 nenos de 2º curso do CEIP San Martiño, tamén en horario de 10:50 a 12:20 horas. A empresa Marexada continúa a efectuar chamadas aos centros para pechar datas e facilitar os formularios de inscrición a aqueles colexios que aínda non os cubriron.


    Non obstante, a Concellería de Educación enviou a tódolos centros do municipio no mes de setembro un email con toda a información básica deste proxecto (data, horario, actividade…) e dous documentos adxuntos: un con indicacións para os participantes (levar calzado cómodo, merenda…) e unha folla de participación a cubrir polo centro (na que deben indicar datos da aula, número de participantes, persoas do centro que irán á saída…). Unha vez finalizada a saída, dita folla será firmada polo titor/a do grupo a modo de confirmación do número de participantes e da propia realización da actividade.


    As actividades ofertadas están seleccionadas en función dos diferentes treitos de idade. Así, para 1º a 6º de Primaria propóñense a cobertura dun tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Pontevedra; a visita ao Parque Etnográfico das Cabanas Prehistóricas de Outeiro das Mouras (Salcedo); escalada no Pavillón da Xunqueira; o Roteiro dos Segredos de Ponte Sampaio; unha ruta polos Muíños do Batán, e observación de aves nas marismas de Alba, mentres que para o treito de 1º, 2º e 3º de Primaria deseñouse un específico de viaxe no tempo pola ruta de Gatomorto (en Santa María de Xeve), e para o de 4º, 5º e 6º de Primaria un de kayak no Pontillón do Castro, un de xeocaching na Fracha e unha ruta guiada de interpretación ambiental pola senda do río Lérez.


    O proxecto Laboratorio da Infancia enmárcase dentro das accións a desenvolver na Estratexia de Desarrollo Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra ‘Máis Modelo Pontevedra (Edusi), no que se contempla unha liña de accións dirixida aos centros educativos. Entre os seus obxectivos inclúense:


    a) A educación e concienciación ambiental, sustentabilidade e economía circular: talleres con contido pedagóxico que expliquen os valores do mundo rural e natural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados ao redor de Pontevedra, especialmente o que se está conformando a través da Edusi con cofinanciamento Feder na Fracha, pero tamén ao resto de espazos naturais e parques forestais da cidade.


    b) A educación e concienciación deportiva: quérense potenciar os recursos deportivos e tamén do medio natural, con talleres vinculados á práctica deportiva e á vida saudable (entre outros, talleres de remo/ piragüismo no Lérez ou de escalada no Pavillón da Xunqueira, remodelado dentro do mesmo marco).