A andaina inclusiva e a chocolatada organizadas por A Vida é Movernos e Asampo xa contan con 170 persoas inscritas

148

A andaina inclusiva e a chocolatada organizadas pola Concellería de Deportes e a Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) no marco do programa municipal A Vida é Movernos para este sábado 13 de novembro xa conta con 170 persoas inscritas. A camiñada, impulsada coa finalidade de promover unha sociedade máis inclusiva e un maior achegamento entre as entidades sociosanitarias e deportivas de Pontevedra, cubrirá unha distancia de 3,7 kilómetros, sairá ás 10:30 horas desde a Praza da Peregrina, atravesando a ponte do Burgo (con fotografía de grupo neste punto), percorrendo a variante da Ruta Xacobea polo paseo peonil da Xunqueira e regresando por Ponte Magueiro, a ponte das Correntes, Arcebispo Malvar e a Praza de España, onde os participantes rematarán a xornada desfrutando cun chocolate quente con rosca (ata esgotar existencias).

O principal obxectivo deste evento é fomentar e afianzar a relación entre asociacións a través dunha actividade física para todos e todas, permitindo ademais que estes colectivos e entidades sociosanitarias se visibilicen a través do seu propio merchandising (camisetas, mochilas…). Todos aqueles que queiran tomar parte nesta iniciativa poden inscribirse de balde chamando ao teléfono 639 56 42 61 ou escribindo ao email pabloformoso10@hotmail.es.

Este mesmo sábado 13 de novembro, Asampo tamén instalará na Praza de España unha mesa informativa para todas aquelas persoas que desexen facerse doantes de órganos e tamén a tradicional Bolsa dos Desexos. Os desexos depositados serán levados no mes xaneiro a relevos desde a catedral de Tui ata a catedral de Santiago en 24 horas, depositándose na capela da Corticela, onde alguén os recollerá para acender con eles o botafumeiro.

Asemade, unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados) desprazarase ata a nosa cidade nesa xornada solidaria e inclusiva, polo que tódolos pontevedreses que queiran achegarse poderán facelo mediante un sistema de cita previa, chamando ao teléfono 900 100 828. 


Tanto o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, como o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participarán na andaina e na chocolatada.