O barrio de Monte Porreiro disporá dunha nova pista polideportiva no contorno do parque da Praza de Europa a principios do vindeiro ano

442
  • O proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible cunha orzamento de máis de 60.000 euros está a piques de saír a licitación e ten un prazo de execución de dous meses
  • O departamento que dirixe Iván Puentes porá en marcha esta mesma semana os traballos de axardinamento incluídos no plan de mellora paisaxística do espazo entre as rúas Alemaña e Bélxica

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, iniciará esta mesma semana, na zona máis próxima á rúa Alemaña, os traballos de axardinamento contemplados dentro do proxecto de mellora paisaxística, da accesibilidade e da capacidade de acollida do parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. Esta intervención forma parte dun conxunto de obras de remodelación que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a executar nesta céntrica área de lecer da urbanización desde o inicio do mandato e que terán o seu colofón coa creación dunha pista polideportiva e de novos xardíns no espazo que dá cara á rúa Bélxica interior.

Unha ‘guinda’ que os veciños do barrio xa poderían comezar a desfrutar a principios de 2022, xa que, como indica Iván Puentes, “o proxecto da pista, que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros, se atopa no servizo de Contratación, sairá a licitación de xeito inminente e conta cun prazo de execución de dous meses desde o inicio das actuacións”. O novo equipamento multideportivo permitirá a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán, xerando un contorno para a práctica deportiva nun contexto de comunidade semellante ao do parque infantil próximo.

Entre os obxectivos contemplados na formulación deste proxecto inclúense os de mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería; xerar un espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; optimizar a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e incrementar a capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación. Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o paso do tempo deixou a súa pegada negativa nun parque que se atopa na columna vertebral de Monte Porreiro e que é o espazo público de referencia para a realización de actividades e festas comunitarias, cunha degradación considerable da superficie tapizante de céspede nas áreas máis transitadas do mesmo, así como en boa parte do mobiliario, bancos, papeleiras e fontes de auga”.

“Asemade -explica Fernández- existe no parque unha necesidade palpable de novas zonas de xogo e deportivas delimitadas que permitan unha mellor convivencia da práctica deportiva informal co tránsito peonil nas beirarrúas que o rodean e coas restantes actividades que se poden desenvolver. Con tal motivo, proxéctase unha pista multideporte de fútbol e baloncesto con peche perimetral, pensada para xogos de pelota en xeral e formada por unha combinación de dúas porterías e dúas canastras, esquinas cadradas, entradas polos dous laterais, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura, estruturas cubertas de capa anti graffiti e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos”.

Papeleiras e un punto de recarga a carón da pista de xogos

En base ao proxecto deseñado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, os pavimentos da nova zona deportiva e do seu contorno formularanse conforme ás seguintes pautas: as superficies serán con lixeira pendente, sen que se formen charcos e con pendente do 1% ao 2% cara os sumidoiros de recollida de augas e empregarase base de zahorras artificiais estendidas e compactadas, así como formigón armado. Entre as melloras contempladas tamén se propón a subministración de instalación de dúas papeleiras e dun punto de recarga con catro tomas de USB de 2,1A e 5V (con dobre soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’) a carón da pista de xogos multideporte.

Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…).

Segundo sinala Iván Puentes, “tamén se realizará unha mellora da iluminación da pista deportiva mediante a colocación de luminarias LED, que serán resistentes ás condicións de espazos abertos e que permitan a utilización nocturna dos novos equipamentos multideporte”. “Desde o punto de vista do confort -apunta o edil de Desenvolvemento Sostible- apréciase un déficit de sombra no contorno da pista deportiva, así como de toda a zona de estancia máis próxima á rúa Bélxica. Coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra formúlase unha proposta de plantación de arborado nas pezas de xardín, nas que se incorporarán especies coherentes coas existentes. Logo da eliminación da liña de alta tensión que condicionaba o porte arbóreo deste parque, estamos en disposición de propor especies arbóreas de maior porte co obxectivo de mellorar o sombreado da contorna do parque e da área de xogos infantís, así como dos bancos de madeira”. 

Por outra banda, contémplase a reposición de árbores nas aliñacións dos paseos de formigón que rodean o parque e distribúen as circulacións peonís cara as rúas e edificacións do contorno. A incorporación dun estrato arbustivo neste parque é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo. 

O mobiliario cumprirá coas axeitadas especificacións dende o punto de vista da funcionalidade, confort para os usuarios e integración paisaxística no contorno, e instalarase un sistema de rega automatizado dotado de estacións reguladas por electroválvulas e un programador central.