O luns comezan as pavimentacións de seis rúas do barrio de Monte Porreiro

108

Está previsto o asfaltado dun carril da rúa Portugal onde tamén se calmará o tráfico, a pavimentación de panos de Reino Unido e Alemaña e completar o itinerario peonil da rúa Bélxica.

Tamén entran dentro desta programación actuacións parciais en Italia e Armórica.

As pavimentacións están incluídas dentro do programa da Concellaría de Sostemento de espazo público urbano que xa actuou nas rúas San Amaro, Valdecorvos, Poza da Barcia, Vilar Ponte, Palamios, Juan Bautista Andrade, Cordón, Francisco Asorey ou Rafael Areses.

O Concello de Pontevedra rematará na vindeira semana a primeira fase de asfaltados urbanos coa actuación en varias das rúas do barrio de Monte Porreiro. En dúas semanas, o departamento de Sostemento de Espazos Públicos que xestiona Eva Vilaverde, executou reposicións do firme en zonas como Valdecorvos, Palamios, Vilar Ponte, Poza da Barcia ou San Amaro co obxectivo é reparar danos ou deterioros dos asfaltados en distintos puntos da cidade.

As pavimentacións están a cargo do contrato de Sostemento dos espazos públicos urbanos que executa a empresa Covsa, por valor de 450.000 euros para 2021. Estas actuacións poden ser totais o parciais (dun carril) en función do estado no que se atopan as vías. 

Ao respecto do barrio de Monte Porreiro, as pavimentacións comezarán o luns, 8 de novembro co asfaltado dun carril da rúa Portugal onde tamén se farán calmados de tráfico que obrigarán a mover un paso de peóns que se atopa diante dun garaxe.

Nas rúas Reino Unido e Alemaña está previsto realizar a pavimentación de distintos panos da rúa onde o asfalto se atope máis deteriorado, como xa se fixo noutras zonas da cidade como Eduardo Pondal. 

Ademais está previsto un calmado de tráfico na rúa Bélxica, no seu entronque coa rúa Reino Unido, creando un paso de peóns sobreelevado e dándolle continuidade ao circuíto peonil da rúa polo lado esquerdo, dado que na actualidade non existe.

Tamén están en carteira asfaltados parciais das rúas Italia e Armórica.

A actuación non supón peches ao tráfico de ningunha das rúas, agás os correspondentes cortes puntuais segundo se vaian desenvolvendo os traballos.

O mal tempo

A planificación das reposicións do firme nas rúas de Pontevedra viuse alterada a pasada semana debido ás copiosas chuvias que atrasaron até o vindeiro luns a actuación en Monte Porreiro, cando estaba previsto que rematase nesta fin de semana.

Nestes quince días fixéronse melloras na rúa San Amaro, con motivo do Día de Todos os Santos; repúxose o firme da rúa Poza da Barcia, no Marco; pavimentouse un carril da rúa Rafael Areses; repúxose o firme na rúa Juan Bautista Andrade, dende o cruzamento da rúa Luís Otero até a altura da rúa Cordón, e neste ámbito instaláronse redutores de velocidade no Cordón e en Francisco Asorey. 

Tamén se fixo a pavimentación da rúa Valdecorvos, ao carón da capela de San Amaro; a reordenación da rúa Palamios coa colocación dun redutor de velocidade á altura do ximnasio da rúa, elevouse o cruzamento con Rosalía de Castro, e pintouse a dobre dirección detrás do instituto Sánchez Cantón. Tamén se asfaltou a rúa Antón Vilar Ponte.