A Concellería de Igualdade pon en marcha este luns as charlas de TransFormando o Mundo, protagonizadas polo escritor e activista Nee Barros, nos centros de Ensino Secundario, Bacharelato e FP de Pontevedra

46

A Concellería de Igualdade, a través do programa municipal Pinto e Maragota, porá este luns en marcha a súa actividade TransFormando o Mundo, consistente en charlas/presentacións do libro Identidade protagonizadas polo seu autor, o escritor e activista Nee Barros, nos centros de Ensino Secundario, Bacharelato e Formación Profesional de Pontevedra. Trátase da continuación dunha iniciativa que xa se desenvolveu no mes de xuño nos CIFP Montecelo e Carlos Oroza e nos IES Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane e Sánchez Cantón, percibíndose unha importante demanda tanto por parte do alumnado como do profesorado de accións formativas e informativas arredor da diversidade de sexo e xénero. 


Tal e como sinala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “tivemos unha receptividade moi positiva por parte de tódolos centros públicos de ESO e Bacharelato”, o que nos levou a organizar outras 30 sesións enfocadas na diversidade afectivo-sexual e a súa visibilización nos institutos da cidade ao longo do mes de novembro. Identidade é unha obra de teatro xuvenil que trata a temática da diversidade, da liberdade e da realidade trans. Nesta actividade, despois da visualización dun vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=Cf79KXBCIDg) establecerase unha conversa co alumnado a través de preguntas sinxelas e sen xulgar as súas respostas (“Como explicariades o que acaba de ocorrer en pantalla? Que vos parece? Vivistes algunha vez unha situación semellante?”). Partindo das respostas, o autor da obra, Nee Barros Fernández, explicará conceptos básicos da realidade LGBT relacionándoos coa súa obra, sempre a xeito de conversa e buscando a interacción.


Na segunda parte da charla, o alumnado será o encargado de facer as preguntas. Como a man alzada será difícil logralo, cada persoa terá que escribir algo nun papel, algo breve que levará a que as dúbidas concretas sexan resoltas. Ademais, o anonimato motivará a perda de vergoña, obtendo así mensaxes mais reais; tanto positivas como negativas. Non serán criminalizadas estas últimas, senón que se pedirá ao alumnado que desmonte as opinións discriminatorias, quedando así os conceptos máis asimilados e traballando a exposición de opinións críticas en alto.


Segundo explica a socialista Yoya Blanco, “a obra de teatro Identidade tamén poderá ser tratada na aula, ou representada polo grupo de teatro do instituto, sempre que a entrada ao espectáculo sexa gratuíta”. No caso de ser representada, a editorial Xerais deberá ser avisada e así poder dar visibilidade.


Esta actividade xa foi posta en práctica (sen formar parte da presentación do libro) polo propio autor no curso 2019-2020 no instituto IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, para alumnado de primeiro curso de Secundaria. Debido ao seu éxito, o proxecto foi chamado a participar no II Congreso Pinto e Maragota pola Diversidade Sexual do concello de Pontevedra.


As sesións pechadas para esta nova quenda de Transformando o Mundo serían as seguintes:

Luns 8IES Torrente Ballester4º ESO
Martes 9IES Torrente Ballester4º ESO
Martes 16IES Sánchez Cantón4º ESo
Mercores 17CIFP XunqueiraGrupos de 1º e 2º de integración social
Martes 23Xunqueira I

IES Sánchez Cantón 



Club de lectura Igualdade- 



 4º ESO
Martes 30IES Luís SeoaneGrupo Neofem + 1º BACH
Martes 30IES Luís Seoane2º ESO

Non obstante, a Concellería de Igualdade ten aínda por concretar hora e día das actividades no IES Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II e o IES Valle Inclán.