O Concello valora positivamente o traballo de Edicións do Cumio, que manterá vivo o legado de Virxinia Pereira

57
A editorial pontevedresa continúa a distribuír o traballo literario comezado polo Concello e escrito por Montse Fajardo
É un exemplo ideal de colaboración entre entidade pública e privada á hora de fomentar novos proxectos na Boa Vila

Esta mañá de venres, 5 de novembro do 2021, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, mantiveron unha reunión cos editores Víctor Mascato e Rubén Blanco, e a autora do libro A vida incerta, Montse Fajardo.

O libro sobre a vida de Virxinia Pereira foi no seu día un proxecto vinculado co Concello de Pontevedra, un produto literario ensaístico do que se chegou a distribuír un millar de copias na cidade. O éxito desta edición pública propiciou o interese en continuar coa súa edición a unha renacida Edicións do Cumio, que viu unha oportunidade de enorme interese á hora de seguir transmitindo o legado e contando a historia da estradense. 

Desde o Concello valoran moi positivamente o traballo feito por Edicións do Cumio, que en xullo publicou unha coidadanova edición, de tapa dura, que eleva a calidade do produto final e permite ter un obxecto imprescindíbel, case de colección, ao redor da figura de Virxinia Pereira. A mesma editora sinalou na reunión co Concello que tiñan pensado continuar pola senda do patrimonio histórico, publicando narrativas deste tipo, ao achar un público fiel e con gana deste xénero en concreto.

Esta colaboración entre o sector público e o privado é un exemplo a seguir segundo o Concello, que no seu día decidiu apostar pola recuperación da memoria histórica centrada na figura de Pereira, máis agora continuará medrando e sendo protexida por unha empresa do municipio.