Os Vermús de Pinto e Maragota regresan ao Gastroespazo o vindeiro sábado 6 de novembro co espectáculo musical Transpirando

76

As actividades de dinamización do Mercado de Abastos continúan a xerminar de xeito incesante e nesta ocasión farano da man da Concellería de Igualdade e dun dos seus programas máis senlleiros: os Vermús de Pinto e Maragota. A iniciativa municipal de visibilización e concienciación sobre a diversidade e realidade do colectivo LGTBIQ+ regresa a vindeira semana ao Gastroespazo da rúa Serra cunha sesión vermú diversa titulada Transpirando, na que O Rabelo protagonizará un espectáculo musical na que combinará o seu vello repertorio, con ‘Que prenda a faísca’ e outros temas, con pinceladas do traballo que está por vir, Suor.


“Ritmos ‘hiphopeiros’ alternados coa tradición e rumbas experimentais, nun diálogo co público no que haberá improvisación, foliada e algo de ‘perreo’, conforman a irresistible oferta lúdica deste vermú”, avanza a concelleira de Igualdade e de Promoción Económica, Yoya Blanco. A cita terá lugar o sábado 6 de novembro no primeiro andar do Mercado de Abastos a partir das 20:30 horas, con entrada de balde ata completar aforo.


Yoya Blanco explica que “Aurora, a persoa que está detrás do Rabelo, ten un grao en Filoloxía Hispánica e unha ampla formación arredor da educación formal e non formal, unha das súas maiores paixóns, a través de mestrados e cursos”. Actualmente dedícase a distintos proxectos como obradoiros de regueifa, talleres de resposta a agresións a través do rap e da música com High Paw, concertos e creación de contidos en redes sociais en forma de vídeos de humor e crítica social.

O propio Rabelo defínese como “animal insubordinade, persoa non binaria, que emprega o xénero masculino e neutro, antifascista, transfeminista, anarquista e a favor da tenrura, os coidados e a violencia para rebentar o sistema”, á que lle gusta “ir ao monte cos cans, ler, rapear, xogar ao rugby, estar tranqui e rir”.