O Medio Maratón volverá encher de enerxía e deporte as rúas de Pontevedra este domingo coa participación de case un milleiro de corredores

460
  • A clásica por antonomasia regresa en todo o seu esplendor, tras un 2020 no que se converteu na primeira proba en ruta organizada tralo confinamento e nun modelo a seguir para outros eventos
  • O XXXIX Gran Fondo Caixabank, impulsado pola Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes, volverá incluír este ano a distancia de 10 km e terá saída desde a Ponte dos Tirantes

Ao Medio Maratón de Pontevedra non hai quen o pare, nin sequera unha pandemia. Despois dun 2020 no que se converteu na primeira proba en ruta que se organizaba tralo confinamento que sufrimos por mor da Covid-19 e nun modelo a seguir para os eventos deportivos que se realizarían posteriormente no resto do Estado (grazas a un estrito protocolo que se cumpriu á perfección), a clásica por antonomasia regresa este domingo 17 de outubro en todo o seu esplendor para encher de enerxía e deporte as rúas da nosa cidade con case medio milleiro de corredores procedentes das catro provincias galegas e doutros puntos da península.

O XXXIX Gran Fondo Caixabank – XXVI Medio Maratón de Pontevedra, organizado pola Sociedade Ximnástica baixo o patrocinio da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, volverá incorporar este ano os 10 km, unha distancia moi demandada a través das redes sociais desde que no 2019 se incluíse por primeira vez e que en 2020 non se puido manter polas rigorosas limitacións de aforo que existían naquel momento. Deste xeito, das 950 persoas inscritas nesta edición, 350 participarán nos 10 km e 600 no medio maratón, quedando unicamente 50 das prazas dispoñibles sen cubrir na distancia curta e acadándose un aforo completo na de 21.097 metros.

A proba foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; a presidenta da Sociedade Ximnástica, Charo Castro; o director da área de Pontevedra de Caixabank, Gonzalo Talegón; a directora da oficina de Riestra da entidade bancaria, Montse Piñeiro, e o director técnico da carreira, Víctor Riobó. Segundo precisou Riobó, “o inicio dos 10 km terá lugar ás 10:00 horas e o do medio maratón ás 10:30 horas, con saídas de 100 en 100 corredores distribuídas cada dous minutos desde a Ponte dos Tirantes (cara a avenida de Bos Aires, en dirección Marín)”. Os participantes terán que presentarse na zona de presaída 15 minutos antes da saída, portando máscara de protección. Non a poderán retirar ata que alguén da organización llelo indique, xusto antes de comezar a correr.

O director técnico do Gran Fondo Caixabank informou de que “a entrega de dorsais xa está habilitada desde primeira hora de hoxe e permanecerá ata o sábado ás 20:00 horas en diferentes puntos de entrega por toda Galicia (en Pontevedra, na tenda Miler Vintage Running Club, situada na Peregrina)”. Tal e como aclarou Víctor Riobó, aínda que o circuíto deste ano non está homologado, xa que o plan deportivo e de tráfico comezou a deseñarse en medio da campaña de vacinación, “mellorouse moito o seu percorrido e a proba si que é federada, con xuíces e dentro do calendario da Federación Galega de Atletismo”. “Para o ano que vén seguro que será un circuíto homologado”, avanzou Riobó.

“Unhas das probas míticas e senlleiras do noso calendario”

Tino Fernández calificou o Medio Maratón de Pontevedra como “unha das probas míticas e senlleiras do calendario de actividades deportivas do concello de Pontevedra, cun longo percorrido ao longo da historia, con grandes fitos e nomes que pasaron por ela”. O tenente de alcalde agradeceu o traballo desenvolvido pola Sociedade Ximnástica na organización desta e doutras moitas probas “que se celebran na cidade ao longo do ano, que moven moita xente e que simbolizan ese espírito deportivo de Pontevedra”, e as importantes colaboracións da Xunta de Galicia, “porque sempre que somos capaces de xerar sinerxías entre as administracións todo é moito máis sinxelo”, e de Caixabank, “xa que as achegas provintes de entidades privadas fan que poidamos aspirar a máis dentro do ámbito das competicións deportivas”. “Animo á xente a que saia á rúa a animar aos corredores e desfrutar dunha proba moi bonita a nivel estético”, engadiu Fernández.

Daniel Benavides lembrou “o fito” que significou a organización da edición de 2020 en plena pandemia “cuns protocolos pioneiros” e salientou que, con este Medio Maratón de 2021, a Ximnástica volverá converterse en referente, ao ser “dos primeiros eventos deportivos en achegarse á normalidade, establecendo a saída dos corredores de 100 en 100”. “Estamos de noraboa, posto que nuns días se vai decretar o final do estado de alarma e pode ser o momento de reiniciarnos de xeito seguro. Se a pandemia nos puido traer algo bo, foi o desenvolvemento de eventos seguros, con excelencia non só deportiva, senón tamén organizativa. Estanse facendo de maneira tan exquisita que somos un referente a nivel estatal”, afirmou o xefe provincial de Deportes, quen bromeou sobre o feito de que “se para o ano o circuíto está homologado e é bastante chan”, tanto Tino (o tenente de alcalde) como el comprométense a tentar participar.

A presidenta da Ximnástica, Charo Castro, amosouse “encantada de que esteamos a retomar a rutina habitual no eido deportivo e de poder celebrar cunha elevada participación e sen, agardamos, ningún problema, esta nova edición do Medio Maratón”, mentres que a responsable de Caixabank, Montse Piñeiro, asegurou que para a entidade bancaria, que “leva anos apostando polas carreiras populares ao compartir plenamente os valores que proxectan, como esforzo, resistencia e capacidade de superación”, é “un pracer ser parte dunha as probas deportivas máis populares da nosa cidade”.

Un circuíto urbano, pechado ao tráfico e con sinalización cada km

As probas desenvolveranse nun circuíto urbano, pechado ao tráfico e sobre asfalto, no que cada kilómetro estará sinalizado visualmente e que percorrerá: Ponte de Santiago, Rafael Areses, Alexandre Bóveda (xiro de 180º fronte ao IES A Xunqueira I), Rafael Areses, Ponte de Santiago, avenida de Bos Aires (dirección Marín), avenida de Uruguai (xiro de 180º antes da rotonda das Corbaceiras), avenida de Uruguai, travesía Galera, rúa Arcebispo Malvar, Praza de España, Marqués de Riestra, Oliva, García Camba, Peregrina, Praza da Peregrina, Paseo de Antonio Odriozola, rúa dos Soportais, Praza de Curros Enríquez, rúa Real, Celso García de La Riega, Valentín García Escudero, avenida de Bos Aires, rúa Padre Gaite, Padre Fernando Olmedo, Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), José Malvar, avenida de Bos Aires, xiro de 180º xusto antes da ponte vella do tren, avenida de Bos Aires, rotonda da Ponte dos Tirantes (onde comezaría a segunda volta do medio maratón). Despois do segundo xiro ao circuíto, ao chegar a rotonda da ponte dos Tirantes, deixaríase esta a dereita para entrar nas rúas Padre Gaite e Padre Fernando Olmedo e acceder ás pistas de atletismo do CGTD, onde os atletas correrán pola rúa 1 das mesmas, para dar case unha volta completa e atravesar a liña de meta.

No caso da distancia de 10 km, o percorrido será o mesmo, pero dando unha única volta e cunha pequena variación: o xiro de 180º que na distancia longa se realizar á altura da praia fluvial, no caso da curta efectuarase no entronque da avenida de Bos Aires coa rúa do Mare.

Tino Fernández salientou que “o éxito de convocatoria logrado nesta edición amosan dun xeito claro o alcance e relevancia que esta proba clásica ten a nivel autonómico e estatal, acadando a participación de 514 corredores de toda a provincia de Pontevedra, 248 da provincia de Coruña, 81 da de Ourense e 60 da de Lugo, así como 47 doutros puntos da península”. Por xénero, un 85% das persoas inscritas (808) son homes e un 15% (142) mulleres.

Un evento con destacados nomes propios do atletismo nacional

Tal e como subliñou o tenente de alcalde, “trátase ademais dun evento de enorme interese no eido da competición deportiva, ao contar con destacados nomes propios do atletismo nacional”. Así, na proba de 10 km estarán Carlos Porto, atleta vigués fondista e mediofondista da Sociedade Ximnástica, campión na distancia curta en 2019, vixente campión galego nos 3.000 metros celebrados en marzo deste ano no CGTD e subcampión galego absoluto de 1.500 metros no Campionato Galego Absoluto que tivo lugar en xullo en Vigo; Adrián Lago Tizón, atleta vigués fondista e mediofondista da Sociedade Ximnástica que volve competir despois dun ano de parón; o vallisoletano Víctor Alonso, fichado por un club do Barco de Valdeorras, e María Ángeles Castro Rosales, deportistas de Bueu que adestra con Víctor Riobó e que quedou segunda en 2019.

A distancia longa contará con deportistas de máximo nivel como Carlos Villamor, atleta internacional en categoría xuvenil que estivo na Ximnástica e que actualmente milita no Lucus Caixa Rural; Álvaro Prieto, fondista natural de Cangas do Club Atletismo Narón, vixente subcampión do Medio Maratón de Pontevedra (quedando segundo en 2019 e tamén o pasado ano por moi poucos segundos, polo que chega con moitas gañas de obter a vitoria); Manuel Hurtado, atleta e adestrador da Ximnástica, un dos fondistas de máis renome galego e o deportistas que máis veces gañou a proba, resultando campión en 2012, 2013 e 2015 e quedando segundo en 2014 e en 2018 (vén con gañas de seguir ampliando o seu palmarés e acadar as catro vitorias no medio maratón); Manuel Lorenzo, un dos fondistas máis destacados da Ximnástica e que quedou no posto 29 no Campionato de España de Medio Maratón celebrado en setembro deste ano en Oruña de Piélagos; Edymar Brea, vixente campioa do medio maratón que compite co Ourense Atletismo, que o ano pasado gañou con moita solvencia e que chega con gañas de repetir resultado (ten moi bos resultados a nivel nacional), e Sara Castillo, terceira na edición celebrada en 2020. Tamén acudirán á cita a medalla de bronce no Europeo sub23 de 20 km marcha Antía Chamosa, e o seu irmán Daniel, ámbolos dous atletas da Sociedade Ximnástica e vixentes Campións galegos e marcha en ruta.

Tino Fernández asegurou que “despois desa exitosa experiencia precursora desenvolvida tralo confinamento, esta carreira volverá converterse tamén este ano nun modelo a seguir no eido organizativo e de seguridade, cun exemplar protocolo anti Covid-19 que inclúe, entre outras medidas, a obriga de gardar a distancia social en todo momento, de portar a máscara de protección ata que o xuíz de saída indique que se pode quitar (o quecemento tamén se realizará con máscara e os corredores recibirán outro tapabocas ao cruzar a liña de meta) e de presentar un certificado de test de antíxenos negativo realizado como máximo 48 horas antes de que comece o evento (habilitarase unha mesa aberta desde as 8:00 horas do domingo ata a hora de saída de cada proba para marcar os dorsais das persoas que entreguen o seu certificado negativo, non podendo correr aquelas que non teñan esta marca)”. 

O XXXIX Gran Fondo Caixabank prevé a entrega de trofeos aos tres primeiros atletas absolutos clasificados en categorías feminina e masculina, que recibirán ademais premios económicos de 250, 150 e 75 euros. O primeiro/a corredor local tamén percibirá un galardón en metálico por valor de 75 euros, tanto en categoría masculina como feminina, podendo optar a este premio os deportistas empadroados no concello de Pontevedra ou que pertenzan a un club local. Na distancia de medio maratón tamén se darán trofeos para os primeiros Home e muller das seguintes categorías: maiores de 40 anos, maiores de 50, maiores de 60 e maiores de 70. A cerimonia de entrega terá lugar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a partir das 13:00 horas.

Pódese visionar o vídeo promocional do Medio Maratón de Pontevedra 2021 nas canles de Facebook e Twitter da proba (https://twitter.com/mmpontevedra/status/1443855893922304007?s=19) e obter máis información e coñecer o regulamento da mesma accedendo á páxina web https://mmpontevedra.com/.